Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello colabora con Sargadelos no Taller Internacional de Tendencias Cerámicas

taller_ceramicaCervo, 21 de agosto de 2013-O Taller Internacional de Tendencias Cerámicas de Sargadelos continúa desenvolvéndose nas instalacións da fábrica, onde este mediodía tiveron lugar dúas conferencias-coloquio que veñen a complementar a actividade diaria desta iniciativa.

Unhas charlas coas que colabora o Concello de Cervo co obxectivo de “enriquecer aínda máis, se cabe, o traballo, a formación e as experiencias que están vivindo estas semanas os artistas que participan no taller” explica o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, que asistiu ás xornadas xunto aos administradores do grupo Sargadelos, José Luis Vázquez e Camilo Díaz.

Estas conferencias foron impartidas por Francisco Guitián, profesor doutor na Universidade de Santiago e director do Instituto de Cerámica de Galicia, que falou da tecnoloxía e a investigación cerámica; e por Luis Ramírez, artista, deseñador industrial e ceramista cubano, vicepresidente da Fundación Caguayo para as Artes e o Deseño da illa caribeña, que dirixiu a súa intervención cara a creatividade na cerámica.

O rexedor cervense destacou a relevancia de manter viva esta liña de colaboración do Concello de Cervo con Sargadelos no Taller de Cerámica pero tamén noutras iniciativas como unha forma de “apostar pola cultura, pola arte e por unha empresa emblemática do noso municipio e tan representativa e identitaria para toda Galicia”. Villares tamén fixo fincapé na continuidade desta colaboración co obradoiro internacional.

Exit mobile version