Burela, 12 de agosto de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, destacou o bo estado no que se atopan os areais do municipio como principal conclusión da reunión do Comité de Xestión de Praias celebrada este luns.
O rexedor municipal burelés explicou que este luns se celebrou na Casa do Concello de Burela unha reunión do Comité de Xestións de Praias para “analizar a situación dos areais do noso concello e ver as distintas medidas que se levan tomado de cara a telos o mellor posible para favorecer o seu uso por parte dos cidadáns. En principio, informouse dun documento elaborado por ADEAC logo da primeira inspección realizada o pasado 15 de xullo. Nese informe tanto na praia da Marosa como na de Portelo recomendábase substituír ou mellorar algún material vinculado co salvamento e socorrismo e así se fixo; recomendaba a reorientación de determinada cartelería, así tamén se fixo, así como a mellora en certas infraestruturas das praias. Practicamente todas as incidencias, todas as recomendacións, feitas por ADEAC teñen sido corrixidas xa; polo tanto nós entendemos que as nosas praias, tanto a da Marosa como a de Portelo, están en perfectas condicións para pasar unha nova revisión de cara á consecución da bandeira azul para o próximo ano”.
González Barcia tamén destacou que para lograr a distinción que concede Adeac no 2014 “teñen moita incidencia os resultados das analíticas que de forma periódica, aproximadamente cada 15 días, fai a Xunta de Galicia nas augas de baño. Neste caso nosoutros recollemos mostras nas praias do Penoural, de Portelo, da Marosa e de Ril. En todas elas nas seis analíticas que leva feitas a Xunta a calidade da auga é boa, en todas elas. Iso non quita que poida haber algún tipo de problema dende aquí a finais do verán, que esperamos que non. Polo tanto, tendo en conta que a calidade da auga é boa, está autorizado o baño en calquera das praias do concello de Burela”.
Na xuntanza de hoxe “e tamén vinculado precisamente co estado das praias, informouse ós asistentes do estado do emisario submarino, que foi revisado a principios do verán, logo de pasadas as festas patronais, porque nos chegaran comentarios de que podería haber algunha fuga ou vertido no emisario. Logo da súa revisión comprobouse que o emisario está ben, non ten ningunha fisura actualmente en ningunha zona ou polo menos non a tiña cando foi feita a revisión, como digo, hai aproximadamente dous meses. E a empresa concesionaria do servizo de auga e de saneamento fixo unha mostraxe precisamente na zona de vertido do emisario, a raíz dunha petición feita por Augas de Galicia, na que se indica que as augas desa zona non teñen actualmente ningún tipo de problema. Polo tanto, entendemos que a situación enmárcase dentro da normalidade máis absoluta e vamos confiar en que se manteña no que queda de verán”, rematou o alcalde de Burela.
Ao encontro desta mañá asistiron responsables das empresas de augas e da limpeza, representantes do servizo de Obras do Concello, da aula medio ambiental Gaia, a técnico de Medio Ambiente e a Policía Local. Á xuntanza non acudiu ningún concelleiro dos partidos da oposición.