A Mariña, 19 de agosto de 2013.- O castro de San Acisclo do Valadouro e unha galería de ouro de época romana foron incluídos no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia, trala solicitude de inclusión por parte de Mariñapatrimonio.
O Castro de San Acisclo
Xa no 1876 José Villamil Y Castro no seu artigo Los castros y las mámoas de Galicia facía referencia ao castro de San Acisclo,aínda que ninguén coñecía a súa localización e mesmo se dubidaba da súa existencia.
Mariñapatrimonio, grazas ás ferramentas que proporciona Internet, puido localizar este xacemento que puxo en coñecemento do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia e que, unha vez inspeccionado, incluíu no Inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación “Os Castros” e a clave GA27019022.
Galería mineira de época romana
No ano 2012 Mariñapatrimonio dá a coñecer a existencia dun castro costeiro de grandes dimensións no lugar de O Carreiro (Foz), así mesmo informábase a Patrimonio da existencia de varias galerías mineiras neste mesmo lugar. O Servizo de Patrimonio da Xunta, trala súa inspección, inclúe o xacemento no Inventario, malia a que desbota que o xacemento sexa un castro e descarta a existencia de explotacións mineiras no lugar de O Carreiro.
Grazas á colaboración dun grupo de espeleólogos de Mondoñedo, foi posible a entrada nunha das galerías de O Carreiro. Esta galería, picada na rocha, duns 30m de longo e de moi boa factura, conserva os chamados lucernarios, que son pequenos ocos cavados nos laterais da galería para colocar as lámpadas de aceite, lucernas, que iluminaban as galerías. Estes lucernarios son a clave para datar esta explotación mineira en época romana.
A Xunta vén de corrixir o erro e recoñece a existencia destas minas ao tempo que as inclúe no Inventario de xacementos arqueolóxicos na ficha do xacemento do Carreiro-Marzán (GA27019021).
O martes 20 e o mércores 21 de agosto, Mariñapatrimonio ten organizado unhas Xornadas de difusión do patrimonio arqueolóxico da Mariña e no transcurso das mesmas amosaranse as fotografías da galería da mina romana do castro de O Carreiro.
XORNADAS DE DIFUSIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA MARIÑA. O OURO NA MARIÑA
A asociación MARIÑAPATRIMONIO organiza para os días 20 e 21 de agosto unhas xornadas de difusión do noso patrimonio arqueolóxico centradas nas explotacións auríferas romanas descubertas recentemente nos concellos de Foz e Barreiros. As actividades celebraranse no CENIMA de Foz. O martes Aurelia Balseiro ofrecerá unha conferencia a partir das 20.30 horas e o mércores realizarase un roteiro dende as 17.30 horas.