Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz destaca o gran número de asistentes ás festas do San Lourenzo e a ausencia de incidentes graves

Foz, 12 de agosto de 2013. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, valora moi positivamente a pasada fin de semana de festas do San Lourenzo e outras actividades. Destacou o gran número de asistentes ós actos e a ausencia de incidentes graves.

O rexedor municipal valorou “moi positivamente esta fin de semana de festas do San Lourenzo. Evidentemente sempre é un momento importante de presenza de xente, pero este ano foi moita a que estivo no noso pobo, que gozou das festas con todos nós e o balance é moi positivo. Temos que felicitar á comisión, a asociación Sempre Foz, por facer unhas festas á altura nun momento difícil en xeral; pero a verdade é que en todos os actos, dende o pregón do xoves, pasando polo 20 aniversario da banda de música, no que houbo máis de 500 persoas, polos actos deportivos, como pode ser o Vila de Foz, no que houbo máis de 1.100 espectadores vendo o Lugo contra o Real Oviedo, ata as verbenas, houbo moita xente gozando, que disfrutaron tamén da nosa hostalería durante todos estes días da fin de semana”.

O momento máis importante destas festas, segundo destacou Javier Castiñeira, “foi a sesión pirotécnica, espectacular, con moita asistencia de xente, por enriba das 10.000 persoas, polo que tamén é de felicitar á empresa Reiriz por facer un espectáculo tan bo, do que a xente saíu moi contenta. En xeral, a verdade é que estamos moi contentos de como foi a fin de semana”, e tamén “de que non houbera ningún tipo de incidente grave, sobre todo cando o pobo está ó máximo da súa capacidade” pero sinala que “o verán continúa, evidentemente, con diferentes actos”.

O rexedor felicita “a todos aqueles que participaron en todas as actividades, como O Feitizo na mostra folclórica, e todos aqueles que sen dúbida colaboraron en que a festa do San Lourenzo sexa un dos referentes na Mariña”.

Exit mobile version