Mércores, 21 de agosto de 2013. Dando continuidade á conferencia sobre a ourivería prerromana na Mariña de Lugo, a cargo da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, dentro das Xornadas organizadas por MariñaPatrimonio realizouse un roteiro divulgativo pola recentemente descuberta mina romana de ouro da Espiñeira, situada a ámbalas dúas marxes da ría do Masma, ocupando máis de 100 Has. dos concellos de Barreiros e Foz. Previamente, no CENIMA de Foz, o Presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda, explicou de forma moi gráfica, ante unhas 60 persoas os detalles do descubrimento e as características desta importante explotación aurífera. Así mesmo explicou a amosou imaxes do castro do Carreiro, recentemente recoñecido pola D.X. de Patrimonio da Xunta de Galicia como xacemento mineiro romano a instancias de Mariña Patrimonio, despois de demostrar a existencia de galerías de prospección romanas, coa colaboración do grupo de espeleoloxía de Mondoñedo, que explorou e fotografou estas instalacións. Segundo as opinións de expertos consultados por Mariña Patrimonio, o curso baixo do río Masma nos concellos de Foz, Barreiros e Lourenzá puideron constituír unha área de intensa ocupación e actividade mineiro industrial na época castrexa e romana, como atestigua a gran cantidade de castros, arredor de vinte, que se teñen rexistrado nesta área, o que constitúe unha novidade importante con respecto ao que se pensaba ata agora.
De seguido, o grupo desprazouse á Espiñeira para realizar un percorrido pola mina, tanto no lado de Barreiros coma no de Foz, para coñecer os restos visibles deste enorme complexo mineiro, hoxe cuberto por eucaliptos e pola espesa vexetación baixa. As talas realizadas nalgunhas zonas permiten apreciar con bastante claridade unha complexa rede de profundos sucos excavados pola auga sobre terreos aluviais ricos en ouro, cuxos arrastres eran recollidos en canles nos que se realizaba a decantacion do ouro e que eran evacuados posteriormente cara á ría. Cabe pensar que a estrada comarcal e o propio polígono industrial de Barreiros puideran estar construídos sobre parte da mina; porén, gran parte da mesma está cuberta por unha masa forestal actualmente de eucalipto e anteriormente de piñeiro. Esta circunstancia, que implica unha escasa intervención humana realizada desde entón, fixo posible que o seu estado de conservación sexa bastante bo, a pesar dos dous mil anos trascorridos, se ben se cre que a mina puidera ocupar unha extensión bastante maior da que hoxe se aprecia.