Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1000 participantes en Lugoteando confirman o éxito da iniciativa da Deputación de Lugo

Lugoteando, a actividade organizada pola Deputación, conseguiu reunir a máis dun milleiro de persoas polas vilas da provincia para participar nas actividades lúdicas que se ofertan. A Deputación viuse obrigada a aumentar o número de prazas ó ocuparse a totalidade das ofertadas nun principio. A pasada fin de semana reuníronse varios centos de persoas en Foz e Vilalba para desfrutar desta iniciativa. O éxito de Lugoteando non para aí, xa que a campaña de verán que organiza a Deputación atestou de xente nova vilas como A Pontenova, A Fonsagrada, O Valadouro, O Incio, Viveiro ou Monforte.

A próxima, e última, cita do verán de Lugoteando será os días 7 e 8 de setembro na capital da provincia, onde os participantes poderán desfrutar de actividades como paddle surf, que consiste en desprazarse sobre unha táboa de surf axudándose dun remo; un simulador de surf, co que as persoas poden saber o que se sinte ao cabalgar sobre as olas; skates a motor; sea scooter, un motor con hélice que facilita o buceo; bolas acuáticas e canoas. As actividades, de carácter lúdico-deportivo terán lugar en na Área dos Robles, entre as 15:00 e as 20:00 horas do serán. A oferta de ocio está pensada para o desfrute en familia.

Oferta de prazas
Aínda se atopan a disposición dos interesados algunhas prazas, na páxina web www.deputacionlugo.com, ou no teléfono de contacto 982 260 147. Nesta dirección tamén se pode apuntar un para o resto de actividades organizadas polo ente provincial. A boa acollida desta iniciativa nos diferentes Concellos onde se desenvolven as actividades pon de manifesto o éxito desta oferta de ocio.

O medio ambiente, xerador de riqueza
A Deputación aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando é unha das actividades que organiza durante todo o ano, potenciado o turismo e o ocio medioambiental, e xerando riqueza. Esta é a 4º edición desta programación, que foi todo un éxito nas anteriores convocatorias grazas á participación de milleiros de persoas que desfrutaron das actividades e que contribuíron a impulsar establecementos lucenses de diferentes sectores (dende os de multiaventura ós da hostalería), mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.

Exit mobile version