Site icon Crónica3.com A Mariña

Lembranza do mestre Lugilde

Don Manuel albergaba na súa figura miúda unha gran calidade humana e unha vocación polo ensino ó que dedicaba tódolos esforzos e permanente atención. Foi un adiantado ás novas técnicas pedagóxicas, a través das actividades extraescolares, os labores en equipo, etc. Na súa escola realizábanse traballos manuais – nos que era un experto – aprendíase música e o dominio de instrumentos de corda: guitarra, bandurria, laúd… e ensaiábanse a coro cancións do folclore galego. Na aula dispuña dun pequeno museo natural, a onde ían a parar os mais diversos elementos, dos que os alumnos recibían a correspondente lección. Moi afeccionado á pintura, copiaba obras de grandes artistas: Velázquez, Murillo, O Greco…que, penduradas das paredes, as comentaba cos rapaces. Representaban obras de teatro por él dirixidas e algunhas tamén escritas. As súas ensinanzas tiñan unha orientación práctica, con vistas ao futuro desempeño dos diversos oficios, entón a aspiración máxima da xente nova; daí que concedera grande importancia á xeometría, a aritmética, agrimensura e o debuxo. Amante da naturaza, nos frecuentes paseos polo campo e a beiramar, espertaba nos rapaces o interese polo medio natural e a súa conservación. En circunstancias tan miserentas da època, proporcionaba gratis ó alumnado o material preciso para o traballo. En abril de 1984 este cronista publicou un comentario suxerindo ó concello o recoñecemento á súa persoa. Os munícipes, capitaneados por Pepe Paz, tomaron nota e, cinco meses máis tarde, consumábase a homenaxe. Fíxose unha exposición con boa parte dos cadros que el pintara, vellas fotografías das que era autor, así coma do grupo O Feitizo na súa honra; recortes de prensa e outros testemuños do seu fecundo labor e divulgouse a súa biografía. Dende entón unha rúa, a carón dos locais-escola onde exercera, leva o nome “mestre Lugilde”. Nacera en Lugo en 1885; chegou a Foz en 1921 e aquí ficou ata a súa morte en 1948, hai xustamente 65 anos. El foi un dos persoeiros da historia do ensino. na vila focega.

Suso Fernández

Exit mobile version