O Burela FS Pescados Rubén B xa comezou coa preparación da súa segunda tempada en Terceira División. O cadro, que volverá estar dirixido por Iván Cao Valle, Lucas, xa adestra dende o luns pasado.
Xunto a Antón, Keko, Manu e aos xuvenís Hélder, Jardel, Miguel, Pancho, Aitor, Rubén e Erik, súmanse o porteiro Javi Fajardo e Antón, dende o Superti A Pontenova, e o viveirense Xoel Otero, do Ventorrillo FS. O xuvenil Alemán, Carlitos e Brais, en plena pretempada co Burela FS de Primeira LNFS, tamén figurarán entre as preferencias do proxecto.
O cadro burelista competirá na súa segunda tempada en Terceira co Santiago Futsal, co que arrancará a liga o 28 de setembro e lonxe da casa, os tamén mariñáns Superti A Pontenova e SD Xove FS, o Vilalba, os coruñeses Troula FS, Ribeira FS e 5 Coruña FS, o ourensán O Carballiño FS e os pontevedreses Pazos de Borbén FS, A Estrada, ADFS Bueu, Leis Pontevedra FS e Concello de Vigo IES Coruxo.
Os pupilos de Lucas presentaranse ante a afección laranxa o 5 de outubro, co Troula FS. Os primeiros derbis comarcais tocarán fóra de Vista Alegre, nas xornadas 4ª e 8ª, na casa do Superti (19 de outubro) e do Xove FS (19 de novembro). A competición porá o punto e final o 26 de abril de 2014, co desprazamento á pista do Pazos de Borbén.