Cervo, 12 de agosto de 2013.- O Concello fixo este luns a presentación oficial do novo Grupo de Emerxencias Supramunicipal con sede en Cervo que estará activo a partir deste martes despois de que os seus integrantes asinasen hoxe os contratos de traballo. Un GES que prestará cobertura aos concellos de Cervo, Xove, Burela, Alfoz, O Valadouro e Foz, composto por 12 efectivos cunha estrutura profesionalizada e carácter permanente que estará de garda as 24 horas ao día os 365 días do ano.
No acto estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, e os 12 compoñentes do GES. Uns efectivos que forman parte deste grupo de emerxencias despois de superar o proceso público de selección e que comezan a prestar servizo tras realizar o curso de capacitación da Academia Galega de Seguridade Pública.
O GES con sede en Cervo terá entre as súas funcións a atención de todas as emerxencias que se produzan nos municipios de cobertura, entre as que se atopan a intervención en incendios forestais e urbanos, en situacións de risco e emerxencia relacionadas coa rede de estradas e cos riscos naturais e protección civil. Ao mesmo tempo, tamén se inclúe a realización de traballos forestais preventivos así como outras medidas dirixidas a minimizar riscos.
A posta en marcha deste grupo de emerxencias implica un forte investimento da Xunta de Galicia, que financia a maior parte do custo do servizo achegando o 57% do gasto total de persoal e funcionamento. Ademais, o Concello de Cervo aporta un 27% e a Deputación o 16% restante. Unha colaboración que quedou plasmada no convenio asinado no mes de maio en Lugo entre os representantes da Xunta, a FEGAMP e a Deputación. Uns días despois, o pleno de Cervo aprobou a súa adhesión a dito convenio como municipio sede.
O GES de Cervo, ao igual que os demais grupos operativos creados baixo este convenio, virá a complementar a atención das emerxencias e extinción de incendios que prestan outros corpos e completará o mapa de emerxencias de Galicia.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, aproveitou este acto para dar as grazas á Xunta de Galicia, “por facer unha achega tan importante e posibilitar a posta en marcha deste grupo de emerxencias”. Soto tamén quixo agradecer ao Goberno galego “que atendese a petición e os argumentos técnicos achegados polo alcalde de Cervo e vicepresidente da FEGAMP cos que defendeu a idoneidade de que Cervo fose sede dun GES”.