Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo inaugura a exposición de manualidades que se pode ver durante esta semana no Ecomuseo

Cervo, 12 de agosto de 2013.- Traballos feitos a man polo alumnado dos cursos de costura e bordado, encaixe, e manualidades que organiza a Asociación de Veciños Cervo-Sargadelos. Isto é o que se pode ver dende hoxe ata o sábado no Ecomuseo de Cervo.

Unha exposición inaugurada esta tarde nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Begoña Alonso, varios membros da corporación, o presidente da entidade, Manuel Facal e outros integrantes da directiva, así como o profesorado e o alumnado dos cursos.

Todos os elementos que se exhiben na mostra foron elaborados nos cursos entre os meses de outubro e xuño polas preto de 30 alumnas que asistían as clases ofrecidas no local social da entidade veciñal. Unhas pezas que amosan a aprendizaxe e a dedicación das participantes, que practicaron punto de cruz, vainica, macramé, calceta, encaixe ou restauración de obxectos antigos.

Unha grande variedade de labores que dan como resultado uns obxectos irrepetibles que se poden ver esta semana, de luns a venres, de 18:00 a 20:00 horas e o sábado durante todo o día. Cabe lembrar que a inauguración desta exposición é o primeiro acto incluído no programa das festas patronais de Cervo.

Exit mobile version