Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro confía nas Agrupacións Locais do PSdeG e non enviará observadores nin interventores á votación

foto-confianza-agrupaciónsO candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, confía plenamente na responsabilidade das Agrupacións Locais e do partido, polo que non enviará nin observadores nin interventores o día da consulta á militancia. Como en todas as votacións, estas figuras, observadores e interventores, están contempladas nas normas que regulan a consulta ós militantes, prevista para o 7 de setembro.

“Confío totalmente nas Agrupacións Locais deste partido, e por iso, como confío nelas e sei o responsables que son, non vou a nomear ningún tipo de observador ou interventor en ningunha das agrupacións locais de Galicia”, anunciou esta mañá Gómez Besteiro.

O candidato á Secretaría Xeral dos socialistas en Galicia tamén fixo un chamamento á militancia para que siga a demostrar a mesma implicación neste proceso: “Quero aproveitar este anuncio de que non vou nomear ningún interventor, para facer tamén un chamamento á participación. Os militantes teñen dereito a participar no proceso, así como o deber de participar no futuro deste partido. Polo tanto, nesa confianza nas Agrupacións e nos militantes, espero que o 7 de setembro sexa un día moi bo para este partido, onde haxa moita participación e onde o militante sexa quen colla a voz e quen decida quen é o próximo secretario xeral do PSdeG”.

Observadores e interventores
As normas que regulan a consulta á militancia establecen que as candidaturas poderán nomear, previa acreditación diante da Comisión Electoral, observadores para o día da votación, nun número máximo de unha persoa por Agrupación Municipal e candidatura. Así mesmo, nas Agrupacións Municipais nas que exista máis dunha urna, as candidaturas poderán nomear un/unha interventor/a por urna, previa acreditación diante da Comisión Electoral.

Os observadores e interventores deberán formar parte do censo de militantes. As candidaturas poderán nomear observadores e interventores diante da Comisión Electoral ata as 14 horas do día 3 de setembro de 2013. Só os Observadores das candidaturas poderán facer alegacións ante a Mesa da Asemblea, que deberán constar na acta de escrutinio.

As normas que regulan a Consulta á militancia sobre os precandidatos/as á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, están recollidas nos apartados 9 10 e 13 da convocatoria do Congreso Nacional extraordinario aprobada polo Comité Nacional Galego, cos engadidos e concrecións que se recollen nunha guía/resumo.

A convocatoria foi enviada ás Agrupacións Municipais e Provinciais. Tamén está colgada na páxina web do Partido.

Exit mobile version