Site icon Crónica3.com A Mariña

A praza do Concello de Burela acollerá ‘Mergúllate no Oceáno’ entre o 20 e o 22 de agosto

Burela, 19 de agosto de 2013. A praza do Concello acollerá a actividade Mergúllate no océano os días 20, 21 e 22 de agosto. A través do seu recinto divulgativo, promovido polo Campus do Mar, tentarán achegar o coñecemento do mar á sociedade.

Durante estes tres días, a Praza do Concello de Burela converterase nun pequeno laboratorio de investigación en ciencias e tecnoloxías mariñas co que o Campus do Mar pretende invitar aos cidadáns a coñecer o mar en profundidade. Os participantes poderán sentirse como auténticos científicos mariños realizando coas súas propias mans sinxelos experimentos e descubrindo como funcionan os océanos. Esta proposta divulgativa para todas as idades do Campus de Excelencia Internacional, Campus do Mar, que conta co financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e co apoio do Concello de Burela, “ten como obxectivo achegar as ciencias e tecnoloxías mariñas á sociedade e destacar a importancia que para o progreso da humanidade ten coñecer e conservar os océanos”.

Mergúllate no Océano, concíbese como un recinto expositivo duns douscentos metros cadrados de extensión no que, a través de sete obradoiros, descubrirase por exemplo de onde procede o peixe que comemos habitualmente, como funcionan as correntes mariñas, que hai nunha pinga de auga de mar ou a importancia que teñen as dunas. Os monitores, titulados universitarios superiores e expertos en divulgación científica mariña, buscan en cada unha das actividades implicar ao público asistente e espertar a súa curiosidade formulándolles pequenos retos para que, como fan día a día os investigadores, podan chegar a descubrir o funcionamento do mar e dos seres que o habitan.

A concelleira de medio ambiente do Concello, Patricia López Eijo, explica que “aqueles que queiran participar nesta experiencia recibirán á entrada un pasaporte que deberán ir selando en cada un dos obradoiros a medida que van completando as diferentes actividades propostas, que abranguen ámbitos tan variados como a Ecoloxía, a Bioloxía, a Oceanografía ou as tecnoloxías aplicadas ao medio mariño. Unha vez acaden todos os selos serán xa uns auténticos científicos mariños e poderán cambiar o seu pasaporte por un pequeno agasallo á saída”.

Os obradoiros de Mergúllate no Océano estarán abertos ininterrompidamente martes, mércores e xoves entre as 11 e as 20:30 horas, con entrada libre para todos os interesados en aumentar o seu coñecemento sobre o medio mariño e pasar un bo rato aprendendo. O día 21, ás 12:00 horas terá lugar o acto de apertura oficial desta iniciativa coa presenza do alcalde de Burela, José María González Barcia, que acompañado polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández, farán un percorrido polas diferentes experiencias que se propoñen a toda a cidadanía.

López Eijo sinala tamén que “Burela constitúe a penúltima parada desta acción que durante todo o mes de agosto percorre diferentes vilas galegas como O Grove, Sada, Burela ou A Guarda dentro do programa de divulgación científica do Campus do Mar, un proxecto promovido polas tres universidades de Galicia, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto Español de Oceanografía e no que participan 23 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal con intereses na docencia e investigación mariña”.

Exit mobile version