Nestes momentos estanse a realizar melloras noutros 6 concellos. En concreto son os municipios de Lugo, Páramo, Palas de Rei, Friol, Cervantes e Chantada, entre todos suman 590,771 quilómetros. Nos próximos días, realizaranse tamén as obras do plan de rebacheo en Baleira, Baralla, Rábade, meira, Portomarín, Sarria, Paradela, Guntín, Taboada e Carballedo. Tan só restan 10 concellos que suman 525 quilómetros, un 12,5% da extensión total.
As tarefas de bacheo consiste no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos que o necesitan. Os traballos, que comezaron a principios de xuño, atenden ás necesidades recompiladas previamente polos técnicos provinciais. Os traballos acométense con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013, a través do que a Deputación está a actuar no 100 % das vías da provincia.
Aposta da Deputación polas infraestruturas e o emprego
O Plan de Rebacheo da Deputación comprende labores de supervisión e mellora do firme da rede viaria de titularidade provincial. A de Lugo é a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros. Así que estas actuacións supoñen un importante esforzo da Deputación por manter en bo estado a rede viaria provincial e contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros.
Este plan da Deputación ten unha dobre finalidade, por unha banda a súa finalidade é mellorar a situación das vías urbanas e interurbanas da provincia para, prever riscos, optimizar os servizos e evitar o éxodo rural. Pero por outra banda a institución provincial promove o emprego e impulsa a economía ó contratar para estas actuacións a 23 autónomos e pequenas empresas da provincia, precisamente, para potenciar os seus negocios, contribuíndo ó impulso da economía e ó mantemento de postos de traballo en Lugo ante a crise.