A Deputación Provincial leva acometido obras de reforma do firme nas estradas de 51 concellos. Trátase dunhas actuacións contempladas no Plan de Rebacheo da Deputación que comezou en xuño e está executado nun 73,42% se atendemos ós quilómetros totais e en máis dun 75% se contamos por concellos. Ata o de agora se acometeron melloras en concellos de montaña, da costa, do interior, da Terra Chá e da zona Sur. Xa se revisou o firme dos concellos mariñáns de Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ourol, O Vicedo, Ribadeo, Foz, Trabada, O Valadouro, Alfoz, Lourenzá, Barreiros, A Pontenova, Riotorto e Mondoñedo. Tamén xa remataron as obras de mellora en Vilalba, Muras, Xermade, Pastoriza, Abadín, Cospeito, Castroverde, Corgo, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Pol, Láncara, Monterroso, Antas, Guitiriz, Begonte, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Becerreá, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, As Nogais, Pedrafita, Caurel, Samos, Incio, Ribas de Sil, Quiroga, Triacastela, Monforte, Pantón, Bóveda, Pobra de Brollón, Sober e Saviñao. Todos estes municipios suman un total de 3.084 quilómetros de estradas provinciais que foron supervisados e postos a punto pola Deputación, no que vai de verán.
Nestes momentos estanse a realizar melloras noutros 6 concellos. En concreto son os municipios de Lugo, Páramo, Palas de Rei, Friol, Cervantes e Chantada, entre todos suman 590,771 quilómetros. Nos próximos días, realizaranse tamén as obras do plan de rebacheo en Baleira, Baralla, Rábade, meira, Portomarín, Sarria, Paradela, Guntín, Taboada e Carballedo. Tan só restan 10 concellos que suman 525 quilómetros, un 12,5% da extensión total.
As tarefas de bacheo consiste no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos que o necesitan. Os traballos, que comezaron a principios de xuño, atenden ás necesidades recompiladas previamente polos técnicos provinciais. Os traballos acométense con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013, a través do que a Deputación está a actuar no 100 % das vías da provincia.
Aposta da Deputación polas infraestruturas e o emprego
O Plan de Rebacheo da Deputación comprende labores de supervisión e mellora do firme da rede viaria de titularidade provincial. A de Lugo é a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros. Así que estas actuacións supoñen un importante esforzo da Deputación por manter en bo estado a rede viaria provincial e contan cun orzamento de 5,5 millóns de euros.
Este plan da Deputación ten unha dobre finalidade, por unha banda a súa finalidade é mellorar a situación das vías urbanas e interurbanas da provincia para, prever riscos, optimizar os servizos e evitar o éxodo rural. Pero por outra banda a institución provincial promove o emprego e impulsa a economía ó contratar para estas actuacións a 23 autónomos e pequenas empresas da provincia, precisamente, para potenciar os seus negocios, contribuíndo ó impulso da economía e ó mantemento de postos de traballo en Lugo ante a crise.