A Deputación de Lugo continúa coas tarefas de mellora do firme de vías provinciais situadas nos Concellos de Xermade e Ourol. Nestes municipios, que forman parte da zona 1, das 8 nas que o organismo provincial ten dividida a rede viaria provincial, as actuacións lévanse a cabo nas estradas LU-P-2212, en Xermade e a LU-P-3810, en Ourol.
Os traballos previos de acondicionamento, incluídos dentro do Plan de Rebacheo, xa están rematados, polo que agora dan comezo as tarefas de aplicación de aglomerado en quente naqueles puntos onde é necesario. Estas obras supoñen unha considerable mellora para os veciños da zona e de poboacións cercanas, xa que dan servizo coma enlace entre estas localidades e a LU-640.
Traballos en todas as vías provinciais
En 5 anos, o Goberno provincial multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material. Tendo en conta que esta superficie está en boas condicións, o número final de quilómetros sobre os que se intervirá co Plan de Rebacheo é de 3.200. Os traballos acométense con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013, a través do que a Deputación está a actuar no 100% das vías provinciais. Para garantir unha atención rápida e eficaz ós veciños e aforrar custes, a institución luguesa dividiu a rede viaria provincial en 8 zonas.
Ademais de aglomerar en quente 1.000 quilómetros, o Executivo provincial acometeu dende a súa chegada á Deputación outras importantes melloras nas estradas da súa competencia, como a sinalización e balizamento das vías dos 67 Concellos lucenses. Entre outras actuacións:
– Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
– Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
– Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.
– Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
– Instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.