Site icon Crónica3.com A Mariña

12 de agosto, cabodano de Mocho Reboiras

A Fundación ‘Moncho Reboiras’ pon en marcha o Centro de Documentación da CIG, arquivo do sindicalismo nacionalista.

Este luns cúmprense trinta e oito anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia. Militante do nacionalismo galego, foi central á hora de concebir o sindicalismo nacionalista de clase, nomeadamente a partir dos xermes sindicais e o Sindicato Obreiro Galego. Diversos actos desenvolveranse no país en lembranza de Reboiras. Desde a CIG animamos a participar nos mesmos, honrando a memoria dun “bon e xeneroso”.

Centro de Documentación. Arquivo do Sindicalismo Nacionalista Galego
Nesta marcada e emotiva data, a Confederación Intersindical Galega (CIG) fai público que está a realizar un importante labor de reunión de miles de documentos que teñen a ver co pasado do sindicalismo galego. Un esforzo que se desenvolveu nos últimos meses do pasado 2012 e o que vai do presente ano, co que a CIG sentou as bases do seu Centro de Documentación, na práctica o Arquivo do Sindicalismo Nacionalista Galego.

Esta tarefa corre a cárrego da Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza, noutrora FESGA, en homenaxe xustamente a aquel activista exemplar.

Nesta altura, xa están a se clasificar centos de documentos, entre os que destacan publicacións como ‘Eixo’, nas súas diferentes etapas impulsadas polo Sindicato Obreiro Galego, a Intersindical Nacional Galega (ING) e a Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) ou ‘Adiante’, da Converxencia Xeral dos Traballadores Galegos (CXTG), entre outros.

Ao longo do presente ano boa parte da devandita documentación será signaturizada, estando parte da mesma disponíbel para aquelas e aqueles investigadores interesados no pretérito do sindicalismo galego e, xa que logo, dunha parte da historia do país.

Parello ao labor de clasificación e signaturización, a CIG quer estimular a todas e todos os activistas que teñan documentación histórica no seu poder de cara a que fagan entrega da mesma en favor do Arquivo do Sindicalismo Nacionalista Galego, a modo de depósito reversíbel.

Xosé Ramón, “Moncho”, Reboiras, vida e compromiso

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, máis de 300 axentes dos corpos represivos da ditadura franquista rodeaban o edificio no que se atopaba Moncho Reboiras, na Rúa da Terra en Ferrol. Ao pé do portal, o militante nacionalista era acribillado a tiros. O historiador Uxío Breogán Diéguez fai un percorrido pola súa biografía neste artigo que xa foi publicado na nosa páxina web no ano 2005, con motivo do 30 aniversario do seu asasinato.

Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro do 1950 en Imo, Dodro, no seo dunha familia popular. Alá medrará a cabalo entre o agro e o mar. Estuda como a maior parte dos nenos da zona na escola unitaria de Imo. Eran os tempos nos que o agromar, outravolta, do sentimento nacional da Galiza, aínda que na clandestinidade, estaba a se reorganizar logo da queda que suporía o golpe militar-reaccionario do 1936.

En procura dunha mellor situación económica, e con tan só nove anos, Ramón Reboiras marcha cos pais e o seu irmán, un ano máis novo ca el, a Vigo cara 1959. Os seus proxenitores botarán a andar o Bar Noia “viños e comidas. Café expres” na barriada popular de Teis, convertido, froito da industrialización e o medre da cidade olívica, nunha sorte de cidade dormitorio. Neste contexto eminentemente proletario, no que sobrevive a realidade labrega, o mozo Ramón observa e padece a opresión de clase. Polo Bar Noia pasaban ducias de obreiros diariamente. Os irmáns Reboiras, que axudan á nai a levar o negocio familiar, confróntanse coa realidade do mundo fabril. A isto súmaselle o feito do pai ter que embarcar en petroleiros e mercantes noruegueses para mellorar a economía familiar.

Moncho era un mozo responsábel, un estudante aplicado, deportista, moi observador e, desde cedo, irá tomando unha crecente preocupación e compromiso coa realidade que o circunda.

Neste tempo chegan a Vigo as novas dos conflitos de Castrelo de Miño (1965), e doutras loitas populares. Nestes movementos populares de resistencia e loita comezará a estar presente unha nova organización nacionalista que viña de nacer, a Unión do Povo Galego (UPG). E chegan tamén as informacións do paro obreiro dunha hora que se efectivizará na empresa Barreras pola mellora das condicións laborais dos operarios, así como máis tarde sábese dos conflitos na Universidade compostelá.

Nesta altura os irmáns Reboiras compatibilizan o traballo no bar familiar cos seus estudos en diversas academias de Teis. Será na segunda metade da década dos sesenta cando chegue para Moncho a organización no seu bairro de adopción. Será no marco da Asociación O Castro, logo do contacto co xesuíta Xaime Seixas Subirá. Co padre Seixas participará, ao igual que moitos outros mozos, nos exercicios espirituais e o movemento polas misas en galego por todo o país. Nesta altura Moncho, terá unha consciencia nacional e de clase conformada e que engordaba día a día. Unha vez tomada esa consciencia tocaba trasladala a outros mozos cos que tiña trato. Nesta orde de cousas, tras o traballo no Castro virá o traballo na Asociación Cultural de Vigo.

Corre o ano 1969 e Moncho intégrase na UPG entendendo que era hora da organización política, estrito senso, e de canalizar a súa acción no marco desta organización nacionalista e de esquerda. Desenvolve un forte e efectivo proselitismo co grupo de rapaces do seu bairro mais tamén entre os contactos que foi facendo co Padre Seixas.

En paralelo, estuda na Escola de Enxeñería Industrial de Vigo. Aquí botará a andar a publicación Des…tornillo, para aguilloar na consciencia dos compañeiros de aulas. Polas súas boas cualificacións obterá unha bolsa e comezará a súa vida laboral en Barreras. Coñecendo en maior medida a realidade laboral e a explotación de clase.

Por outra banda o traballo no que se achaba mergullado Moncho Reboiras tamén, ao pouco, derivaría na denominada Fronte Cultural, (antecedente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG)).

Chega o 1972 e acentuase a represión sobre a clase traballadora galega. En Ferrol por impacto de bala morren os traballadores Amador Rei e Daniel Niebla. Feito que daría lugar ao “10 de marzal. Día dos obreiros heroicos”, antecedente do que hoxe coñecemos como Día da Clase Obreira Galega. Moncho desde a UPG está na coordinación dun dosier, de grande interese, no que se expuñan e denunciaban os feitos. Aliás, neste tempo é de grande importancia a súa relación con destacados integrantes do grupo Organización Obreira, tentando, mesmo, a súa inclusión na Fronte Obreira da UPG.

Polo seu compromiso coas mobilizacións Moncho é expedientado e expulsado de Barreras. De esta empresa marchará a Álvarez, tamén en Vigo, e ao pouco, xa sen vinculación cos estudos rematados, sen bolsa, marchará para A Coruña. Moncho, membro do comité central da UPG e do seu comité executivo, sabía que era preciso artellar noutros puntos da xeografía galega pequenas estruturas de obreiros (xermes sindicais) e simpatizantes e militantes nacionalistas. Así se convén a nivel partidario asumindo Reboiras, xunto a outros compañeiros e compañeiras, unha responsabilidade crucial. Un traballo que cristalizará na creación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) no ano 1975. Moncho, sen dúbida, era un militante que ficaba na vangarda.

Neste senso e tras decidir a UPG aprofundar en ‘formas de loita máis avanzadas’ (sic), Reboiras participa da creación dun grupo operativo de acompañamento das loitas populares e da ‘expropiación’ de material para dotar de infraestrutura ao nacionalismo na altura, de cara a súa acción política; aportando medios necesarios dos que carecía o ‘aparello de propaganda’ da devandita organización.

Os corpos represivos da ditadura franquista sabían das accións e dotes organizativas de Moncho. Así foi que atopándose en Ferrol, a policía cerca a vivenda na que se achaba Reboiras con dous camaradas á tardiña do 11 de agosto. Na madrugada do 12 de agosto axentes da Brigada Político Social, xunto a máis de 300 axentes da policía armada, rodean o domicilio onde estaban os tres militantes da UPG.

Moncho, diante deste contexto, centra nel a atención da policía para deixar paso libre aos seus dous camaradas, que así lograrían fuxir, pasando el a outro edificio a través dunha claraboia. Xa ao pé do portal destoutro edificio, na rúa da Terra, Moncho era acribillado a tiros, un deles na caluga, segundo información médico.

Co asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia o nacionalismo entra nunha fase de reestruturación forzosa diante da situación de desmantelamento e de forte represión que estaba a padecer. Virá un novo contexto, o da mal entendida e mal explicada “reforma” e “transición” política. Mais isto é outro tema. En todo caso o certo é que Moncho Reboiras fica na nosa memoria colectiva como exemplo modélico de compromiso coa liberación nacional e social da Galiza.

Exit mobile version