O programa, que chega á súa sétima edición, desenvolverase entre o 24 de xuño e o 6 de setembro, en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas, en once quendas dunha semana de duración cada unha, nas instalacións do Pazo Provincial dos Deportes. Rapaces con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos poderán disfrutar de talleres de manualidades, baloncesto, multideporte, xogos predeportivos, alternativos e populares, piscina e excursións.
Ocupar o tempo libre a través de aprendizaxes predeportivas e recreativas e favorecer as relacións sociais e persoais mediante a práctica deportiva son os principais obxectivos que perseguen as actividades deste programa. Neste senso, Antonio Veiga insistiu en que “o programa Móvete con Nós facilita a conciliación laboral e familiar dos lucenses durante o verán, ao mesmo tempo que integra aos máis pequenos nunha rutina moi saudábel”.
Esta programación estival adoita ser un gran éxito a nivel de participación. Na pasada edición participaron máis de 1.000 nenos e nenas, repartidos nas distintas semanas, algo que para Veiga “radica no bo traballo e trato cos nenos dos organizadores e a ampla e variada oferta de actividades”.
Campus Río Natura 2013
Por primeira vez, organízanse o Campus Río Natura, que se desenvolverá no Pazo Provincial dos Deportes, en dúas quendas: a primeira terá lugar do 1 ao 5 de xullo e estará dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 13 anos, para a que hai dispoñibles 60 prazas, e a segunda será do 8 ao 12 de xullo para nenos e nenas de 3 a 7 anos, cun total de 80 prazas. As actividades, centradas sobre todo no baloncesto, descorrerán entre as 9:00 e as 19:30 horas.
Outra das novidades que presenta esta edición das Mañás Provinciais é a posibilidade de que as crianzas acudan ás instalacións onde se desenvolven as actividades ás 8:00 horas, aínda que as actividades non comecen ata as 9:00 horas, na liña de conciliar a vida laboral e familiar.