Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2013.- A voceira do PPdeG, Paula Prado, critica que o secretario xeral do PSOE en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inicie a súa carreira sucesoria no seo do PSdeG establecendo cláusulas de rescisión a pactos locais contra a vontade da maioría.
Así se expresaba a dirixente popular sobre a moción de censura do Valadouro, onde socialistas e nacionalistas puxeron prezo á alcaldía: 100.000 euros.
Con respecto a isto, Prado asegurou tamén que Besteiro lle puxo prezo aos seus principios cunha cantidade que para eles parece ser suficiente para traizoar a confianza dos electores.
Neste senso, lembrou que os populares impediron que se producise unha moción de censura en Vimianzo para non quebrantar a vontade dos electores nese concello.
REUNIÓN PARA ABORDAR A REFORMA DA LEI ELECTORAL
Por outra banda, Prado referiuse á reunión que levarán a cabo mañá os grupos políticos para abordar a reforma da lei electoral. Segundo a voceira do PPdeG, os populares acudirán coa mellor das vontades e dispostos a chegar a consenso.
Prado amósase satisfeita de que AGE decidise finalmente incorporarse ás negociacións pero lamentou que o BNG prefira manterse á marxe. Neste senso, apuntou que se o Bloque decide no último momento unirse á reunión será unicamente por seguir os pasos de AGE, pero se pola contra non o fai, seguirase mantendo nunha postura pouco axeitada para os temas clave de país.
A voceira do PPdeG asegurou que os populares buscan un acordo multilateral e considera que é preciso e necesario a disposición de todos os grupos para chegar a acordos importantes nesta reforma á marxe dunha cuestión de abaratamento de custes.