No marco da situación económica actual e co obxectivo de fomentar o maior uso das instalacións portuarias, optimizar o seu rendemento e adecuar os custes para os usuarios ao contexto global, Portos de Galicia rebaixará as tarifas e ampliará as bonificacións con especial atención aos sectores máis afectados e en concreto aos profesionais do mar. Esta baixada será a segunda nos últimos catro anos, logo da efectuada en 2010 e de tres anualidades nas que se mantiveron conxeladas.
Segundo contempla a modificación da normativa, a tarifa E-2 que se aplica por utilización de explanadas, alpendres, almacéns ou locais públicos, sen réxime de concesión, redúcese un 8%. Esta é a tarifa á que se acollen fundamentalmente os mariñeiros e mariscadores que ocupan os departamentos habilitados para o sector por Portos de Galicia.
As empresas que xestionan en réxime de concesión algunha instalación portuaria tamén se verán beneficiadas por esta medida. A taxa CIS por ocupación de terreo rebaixarase un 10%, de xeito que as concesionarias poderán repercutir tamén esta baixada nos prezos que aplican aos servizos que prestan aos usuarios. Esta reducción será tamén de aplicación, xunto coa da E-2, ás terrazas dos establecementos hosteleiros ubicadas en dominio público portuario.
A tarifa X-5, que se aplica ás embarcacións deportivas pola ocupación das instalacións portuarias, así como pola prestación dos servizos xerais de accesos terrestres e seguridade, entre outros conceptos, rebaixarase nun 2,5%. A esta reducción sumarase a que as empresas concesionarias decidan repercutir aos seus clientes pola baixada da citada taxa CIS. Así pois, sumadas as dúas reduccións aplicables á náutica recreativa, os usuarios de embarcacións de recreo terían un aforro estimado do 9%. Deste xeito preténdese estimular o sector do ocio marítimo, para maior aproveitamento do seu potencial económico, especialmente pola súa relación co turismo.
Finalmente, Portos de Galicia pretende incentivar o transporte marítimo de pasaxeiros a través da reducción da taxa por embarque e desembarque de persoas. Esta taxa X-3 beneficiarase dunha bonificación dun 10% ata os 50.000 embarques e dun 20% por riba desa cifra.