Santiago de Compostela, 18 de xuño de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, criticou hoxe que a Xunta teña elaborado o Plan para a Xestión do Polbo 2013 – 2014 “de costas ao sector”. O parlamentario socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que acusou ao goberno galego de obviar “aspectos tan importantes como a seguridade, que debe de estar por riba de todo”.
O responsable socialista lamentou que, en lugar de estudar e consensuar co sector as medidas contempladas no Plan, o goberno galego opta por “cargarlles as responsabilidades” das eivas na ordenación da actividade.
O parlamentario socialista lembrou a oposición frontal a este Plan por parte do sector, que mesmo ten aglutinado a mais de 500 naseiros fronte á Xunta de Galicia para manifestar a súa discrepancia cun Plan que consideran “discriminatorio” e mesmo “un agravio”.
Nasas
En concreto, opóñense a ter que retirar as nasas de polbo as fins de semana nas confrarías ao sur de Corrubedo, algo que si poden facer ao norte do cabo. Os propios representantes do sector advirten do risco que supón ter que cargar tódalas nasas os venres “nunha zonas de costa mais bravas” de Galicia.
Así, de Cabo Silleiro a Corrubedo, as nasas terán que levantarse tódolos días, con excepción das que estean establecidas a mais de 25 metros de fondo, que poderán permanecer de luns a venres. No resto do litoral, as nasas poderán permanecer caladas sen ser levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.