Foz, 5 de xuño de 2013. Foz acollerá o vindeiro 8 de xuño unha concentración de coches clásicos, organizada por un grupo de amigos que posúen vehículos deste tipo. Contan coa colaboración da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos e o Concello.
A concentración de coches clásicos dará comezo nas inmediacións da praia da Rapadoira ás 11 da mañá. “Ata as 12:30 poderán anotarse os que acudan a esta cita e non o fixeran previamente. Logo teremos alí expostos os vehículos, daremos unha volta por Foz e despois comeremos no restaurante O Carro. Queremos animar ós afeccionados ós coches clásicos a que se acheguen tamén a vernos”, sinala Alberto Rodríguez Calvo, un dos organizadores.
Párate en Foz
Párate en Foz é o eslogan da nova campaña que organiza a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos para potenciar as compras no comercio tradicional da localidade.
Segundo explican os promotores da iniciativa en colaboración con ACIA “aquelas persoas que realicen as súas compras durante o mes de xuño en Foz en algún dos establecementos que participan nesta campaña serán obsequiadas cun café, grazas ó que poderán conseguir vales de desconto por importe de 10 euros”. Dende a organización sinalan que “os que sellen polo menos 8 veces a tarxeta que lles será entregada, conforme se tomaron 8 consumicións, poderán canxeala por un vale de descuento de 10 euros para consumir nos comercios que se dan cita nesta campaña. Ademais todos aqueles que consigan ditos vales entrarán no sorteo final de dous premios: un depósito de gasolina gratis e unha cea para dúas persoas”.
Os locais que participan na campaña Párate en Foz son: Kaos, Chinela, P.I.R, Ginzo, Arrullos, Belianorte, Pura, Anduriña, Xoyma e MayRos.
Párate en Foz prolongarase ata o 30 de xuño. O día 1 de xullo, a través de Radio Foz, farase o sorteo do depósito de gasolina gratis e da cea para dúas persoas.