Santiago, 4 de xuño de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide á Xunta que nas distintas bases de datos oficiais, plataformas tecnolóxicas ou sistemas de identificación xeográfica (tales como o coñecido SIXPAC) se identifique a situación dos bens de interese cultural de Galicia, tales como castros, mámoas, petrogliflos ou calquera outro elemento de interese cultural ou patrimonial.
O deputado popular Vidal Martínez-Sierra manifestou que “os propietarios dos terreos que consulten estas bases de datos oficiais poderán coñecer anticipadamente onde se sitúa e a canto espazo se estende a afección destes bens de interese cultural radicados nas súas propiedades e actuar en consecuencia”.
En concreto, poderán solicitarse os permisos oportunos a Patrimonio cando se trate de realizar algún tipo de actividade que poida afectar aos bens protexidos, evitarase danos involuntarios nos mesmos por descoñecer que están alí situados e facilitarase tamén o seguimento por parte da administración dos traballos que nesa zona concreta poidan executarse.
DANOS EN CASTROS DA MARIÑA
Segundo explicou Vidal Martínez-Sierra, a iniciativa xurde logo de ter detectados varios casos na Mariña lucense, denunciados por colectivos de defensa do patrimonio cultural, nos que con ocasión de tarefas de corta forestal producíronse danos en castros que xa estaban inventariados. Esta circunstancia deu lugar a expedientes administrativos que puideran rematar en sancións, iso a pesar de que moitas veces estes danos foron involuntarios, motivados polo descoñecemento na situación concreta do castro afectado.
Só na Mariña lucense, e máis en concreto no distrito forestal VI, que abarca esta comarca, tramítanse ao ano unha media de máis de 5.000 solicitudes de autorización e comunicación de tala, que representan máis de un millón de toneladas de madeira (eucalipto fundamentalmente). Ditas solicitudes precisan dunha tramitación por parte do propietario, así como dun seguimento por parte da administración competente. Isto non sempre é doado, tanto polo descoñecemento que existe por parte dos propietarios das limitacións que recaen sobre as súas parcelas, como pola dificultade para determinar que zonas de protección afectan ás mesmas por parte dos axentes forestais.
MEDIDA DE GRAN UTILIDADE
Se ben isto é certo para as múltiples afeccións posibles (Camiño de Santiago, Rede Natura, servidumes de dominio público, etc), é especialmente difícil para o caso de restos arqueolóxicos, xa que para os primeiros existe cartografía abundante, inventarios minuciosos e ademais aparecen reflectidos nas bases de datos oficiais ou sistemas de identificación xeográfica (moi importante para facilitar o labor dos propietarios), non sendo así no referente a isto último.
Esta problemática, que aquí fai referencia á comarca da Mariña lucense, é extensiva ao resto do territorio da Comunidade Autónoma polo que falamos dunha medida de gran utilidade que suporá na práctica que as distintas bases de datos oficiais incluirán unha capa específica de patrimonio cultural que permita coñecer a situación dos bens que o integran e poñer en relación a situación dos mesmos coa información derivada da paisaxe, dos usos e cualificación urbanística do solo, e outros ámbitos territoriais protexidos, como os derivados da protección da Natureza, a costa ou o medio ambiente.