Mónica Pedre asegurou que “o Concello vai manter as mesmas actividades que tivemos este curso: deportivas, medio ambientais e a asistencia á piscina. Se é certo que non podemos incrementar o gasto que destinamos a estas actividades, tamén é certo que seguimos apostando por elas, porque entendemos que o investimento en educación e na conciliación da vida laboral e familiar é fundamental”.
A concelleira de Educación tamén falou dos comedores, “o alcalde foi claro nese aspecto: se non hai nada que o impida, o Concello seguirá sufragando os custos das coidadoras do comedor”. E engadiu que “este persoal supón un investimento de 45.000 euros anuais derivados dos impostos de todos os veciños e veciñas de Burela, pero entendemos que é un servizo que hai que manter, de aí o noso compromiso, insistimos, sempre e cando non haxa nada que o impida”.
Pedre Otero fixo mención a outros temas que saíron durante a entrevista, que cualificou de “moi cordial e positiva, e na que se deu un amplo intercambio de pareceres”. Dentro de eses temas, Mónica Pedre citou o estado das edificacións, e afirmou que “o Concello cumpre coas súas obrigas en canto a mantemento e conservación dos centros. De feito, o propio alcalde e eu mesma tivemos unha reunión co conselleiro Jesús Vázquez para expoñerlle as necesidades que teñen os centros; sabemos perfectamente cales son, e estamos dispostos a colaborar cos centros e coa Xunta para buscarlles solución”.