Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz acusa ao PP de incumprir case totalmente o Plan de Saneamento aprobado en 2009

Foz, 12 de xuño de 2013.- O BNG de Foz acusa ao Grupo de Goberno Municipal do PP de incumprir sistematicamente e case por completo o Plan de Saneamento aprobado pola Corporación Municipal o 5 de xuño de 2009.

A raíz do último informe de Intervención sobre a avaliación do cumprimento anual do Plan de Saneamento aprobado en pleno o 5 de xuño de 2009, podemos concluír que como di o propio informe que poucas das medidas incluídas no mesmo foron postas en práctica durante o exercicio 2012 polo Goberno Municipal.

Nas medidas adoptadas en canto aos ingresos non se cumpriron as relativas ás taxas por ocupación ou aproveitamento do dominio público. Por exemplo, segue aínda sobre a mesa desde o 2010 pendente un informe de valoración da ordenanza da taxa por publicidade en terreos de dominio público que seguen a ser ocupados sen pagamento algún, nin se cambiaron os procedementos de ocupación e seguimento das ocupacións con materiais de construción, aproveitamento do solo e subsolo, etc. Tampouco se adoptaron entre outras medidas a verificación dos orzamentos reais das obras particulares no momento do seu remate ou un desenvolvemento do procedemento de recadación en vía de constrinximento ata as súas últimas fases en caso de non pagamento dos impostos.

No tocante aos gastos, non se cumpriu co límite de gasto en ben correntes e servizos estipulado nun 6,50%. Non só iso senón que o aumento do gasto foi dun 16,04% nestes catro anos, máis do dobre do aprobado. Non se rematou co plan de aforro enerxético no que afecta ás dependencias municipais, nin se realizou unha auditoría do parque móbil municipal tratando de evitar o número tan elevado de avarías que ten, non se estableceron contratos globais para o mantemento externo que abarate custes e prezos, nin tampouco, como ten proposto en varias ocasións o BNG, se estableceu unha vinculación xurídica dos créditos a niveis máis restritivos que no orzamento actual para lograr un maior control de gasto.

Para o BNG estes informes revelan a falta de compromiso e vontade do grupo de goberno do PP para xestionar ben o Concello que non é outra cousa que xestionar mellor os cartos de todos e todas as veciñas de Foz. Pola contra, a súa ineficiente xestión levou ao Concello a unha situación límite onde o remanente de tesourería xa é negativo por primeira vez en moitos anos na cantidade de -136.982,93 euros, o que comportará este ano a prohibición de realizar novos investimentos financiados con endebedamento, sexan estes materiais, inmateriais ou financeiros, directos ou indirectos a través das subvencións concedidas a entidades dependentes.

O BNG de Foz denuncia a actitude pouco crible e coherente do Sr. Alcalde cando se laia de non ter aprobado por parte do Pleno do Concello o Plan de Axuste do Goberno do Estado pois se non é capaz de cumprir co Plan de Saneamento que xa tiñamos no Concello e que introducía medidas similares, como ía ser capaz de cumprir con aquel.

Exit mobile version