Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela amosa a súa preocupación ante a incerteza sobre o futuro dos fondos do Museo Provincial

Desde o BNG de Burela queremos mostrar a nosa preocupación ante a incerteza que se abre sobre o futuro dos fondos do Museo Provincial de Lugo. A colección de ourivería castrexa, na que destacan o Carneiro Alado de Ribadeo e o Torques de Burela, constitúe un dos principais atractivos do museo e a súa desaparición suporía unha perda irreparábel. O torques de Burela, unha das xoias da cultura castrexa podería irse de Lugo, co que iso significaría para o noso legado cultural e tamén no plano simbólico e sentimental para os veciños e veciñas de Burela.

Neste sentido, o BNG de Burela quere trasladar o seu total apoio á Deputación Provincial na necesaria vía de diálogo que se abre tras o fallo do Tribunal Supremo. Así o fixo saber tamén a portavoz municipal do BNG, Neves Cando, na xunta de portavoces que tivo lugar o pasado día 17. Neves Cando afirma que“imos dar o noso apoio á Deputación para que se poda chegar a un punto de encontro cos herdeiros e que deste xeito se garanta a continuidade dos fondos do museo”. Esta foi tamén a postura manifestada desde a área de Cultura da Deputación, para que o legado de Álvaro Gil permaneza no Museo Provincial, tal como era a súa vontade.

Agardamos, do mesmo xeito, que non primen os intereses económicos nunha cuestión deste tipo e que as esixencias dos herdeiros teñan en conta o valor que estas pezas teñen para Lugo e para toda a provincia. O patrimonio arqueolóxico é un ben cultural de interese xeral que debe de estar ao servizo de toda a cidadanía, que é en último termo a que sustenta e fai posíbel a súa conservación.

Por outra banda, non compartimos a instrumentalización que o PP está a facer deste asunto, cando falan de “sacar esta cuestión do debate político”. O Partido Popular non está lexitimado para despolitizar este asunto e menos para esixir responsabilidade política algunha, cando foi precisamente o goberno do PP na Deputación de Lugo o responsable directo da mala xestión dos fondos do museo e causante das consecuencias en que derivou o litixio cos herdeiros de Álvaro Gil. En 24 anos de goberno provincial, o PP foi incapaz de xestionar e dar solucións ao patrimonio depositado no Museo Provincial e de aí que hoxe chegásemos a esta situación, nunha problemática que arrincaba no ano 2000. O goberno provincial do momento foi incapaz de normalizar a natureza xurídica do convenio da cesión do legado de Álvaro Gil.

Tamén queremos recomendarlle ao Sr. González Barcia que debera de preocuparse máis polo estado no que se encontra o patrimonio artístico e arqueolóxico en Burela, e deixar de chamar a atención en Lugo sobre aspectos que descoida no seu propio concello. A día de hoxe non sabemos absolutamente nada sobre o hipocausto de Castrelo e as pinturas murais da Vila do Medio continúan esmorecendo sen que desde o Concello se tome ningún tipo de medida que aseguren a súa conservación.

Exit mobile version