Site icon Crónica3.com A Mariña

Lidia Mesías cumprirá un quinquenio defendendo as cores laranxas

Lidia Mesías cumprirá o seu quinto ano na Mariña defendendo as cores laranxas. A ala naronesa, que se converte na primeira renovación do Burela FS Pescados Rubén, selou a continuidade para 2013-14 xunto ao presidente da entidade, Manuel Blanco, e o directivo José Ramón González Casas.

“Para min é un orgullo seguir un ano máis co Burela FS; era o desexo de ambas as partes e por iso o acordo foi rápido” explicaba a xogadora, que aos seus 22 anos, confesou que acaba de vivir “a mellor tempada da súa vida”, co histórico dobrete, de liga e Copa de España, o chamamento da Selección Española no outono pasado e unha nova participación con Galicia Sub-23 no nacional. “Non se pode pedir máis, foi un ano marabilloso, pero aínda así hai que seguir sendo ambiciosos. Prometo seguir traballando e pelexando para superarme e axudar o equipo para recoller novos éxitos” concluíu Lidia.

Manuel Blanco destacou “a constancia e a responsabilidade” da xogadora narosa, como dous dos valores cos que o club traballa dende as categorías de base, coa ED EON Burela FS. “Lidia chegou a Burela en 2009 con a penas 18 anos; a súa dedicación ao longo destas catro tempadas déronlle a oportunidade de construírse un presente e, con toda seguridade, un futuro sólido neste deporte” asegurou o presidente burelista.

Exit mobile version