Deputación de Lugo e Economía Dixital, coa colaboración do Grupo El Progreso, celebran mañá, mércores 19 de xuño, o primeiro dos debates incluído no ciclo Galicia en clave económica, unha serie de 5 encontros abertos a todo tipo de público e de participación gratuíta, nos que unha vintena de expertos galegos no ámbito económico, laboral, empresarial, académico e financeiro farán unha análise rigorosa e profunda da situación socioeconómica na que se encontra actualmente o país.
En busca dun modelo. Este é o nome do debate de mañá, que terá lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, coa participación de:
– Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e ex Presidente da Xunta.
– Emilio Pérez Nieto, presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, que agrupa a 50 firmas que sumaron en 2012 un volume de facturación de 7.600 millóns de euros, o que supón o 16% do PIB galego, e teñen 48.000 empregados.
– Xoán Carmona Badía, Catedrático de Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, un perfecto coñecedor do desenvolvemento do mundo empresarial galego.
– Marcelino Fernández Mallo, consultor e socio director de Sphenia, unha consultora empresarial galega que tamén traballa para fóra, e que coñece os problemas e solucións que poden ter as empresas no ámbito da expansión internacional.
Estes recoñecidos profesionais analizarán as potencialidades sen desenvolver da economía galega, os sectores emerxentes e as apostas decididas para consolidar un modelo produtivo, tratando de responder se Galicia ten un modelo económico: o naval, a agroalimentación, a enerxía, unha mestura de sectores.
O seguinte foro organizarase para setembro e abordará o papel dos sectores público e privado ante a crise; mentres que os tres restantes afondarán nas posibles saídas do paro e os xacementos de emprego; as fortalezas e debilidades do sector primario, e o novo mapa bancario e o acceso ó crédito.