Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo solicita unha subvención para a posta en marcha dun plan global contra o abandono escolar

Cervo, 18 de xuño de 2013-O Concello de Cervo vén de solicitar unha subvención por importe de 10.000 euros á Consellería de Educación para a posta en marcha dun plan global para a redución do abandono escolar. Trátase dun programa que inclúe numerosas iniciativas de distinta natureza, todas elas dirixidas a fomentar e mellorar a formación da mocidade e que inclúe accións específicas segundo os grupos de idade.

En concreto, o Concello pretende poñer ao dispor dos estudantes e das súas familias un conxunto de iniciativas que comezan coa información dos recursos dispoñibles a través de distintas vías, como páxinas web, blogs e medios de comunicación. Ademais, no caso dos alumnos de 3º e 4º de ESO e PCPI, as accións van encamiñadas a atallar o fracaso escolar e aumentar o esforzo e a competencia a través de talleres de apoio para acadar os resultados académicos necesarios, así como motivalos para continuar a súa formación. Xunto ás actividades colectivas, tamén se incluirá atención individualizada.

En canto ao grupo de 16 a 24 anos, as actuacións van dirixidas a mozos que abandonaron o sistema educativo sen ter formación regrada rematada. Por iso as medidas tamén son diferentes e neste caso pretenden ofrecer formación, regrada ou non, que permita á mocidade incorporarse ao mercado laboral, e os anime a continuar a súa capacitación. Neste caso inclúense obradoiros motivadores e participativos con temáticas como a reciclaxe, a ecoloxía ou o comercio.

Ao mesmo tempo, tamén hai un programa dedicado ás familias, no que se pretende implicar na educación a pais, nais, titores e demais membros da unidade familiar. A edil Pilar Armada, explicou que se trata dun “plan de actuación moi completo, xa que contempla todos os casos posibles e pon o foco nas idades con máis risco, ofrecendo medidas prácticas para frear o abandono e o fracaso escolar”.

Exit mobile version