O aspirante á secretaría xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse hoxe en Ortigueira coa militancia da comarca de Ortegal para presentar os seu proxecto e novas medidas para o partido e escoitar as súas ideas. O socialista aproveitou tamén a súa visita para falar de temas de actualidad como a crise e as mobilizacións no sector naval, que puxo como exemplo da “renuncia da Xunta a darlle peso ao Goberno e á institución autonómica nun asunto clave e estratéxico para Galicia”. Gómez Besteiro incidiu en que “é nestes momentos e non noutros cando se demostra de verdade o peso, a relevancia e a vontade política real cos traballadores, ademais do interese por crear un proxecto de futuro para Galicia, con xenerosidade e altura de miras máis aló dos réditos inmediatos”, e “é obvio que o Goberno de Feijóo non o ten”, dixo.
O socialista destacou a importancia de “explorar vías para devolverlle o poder ás institucións, que deben velar de novo polos traballadores e intervir en sectores estratéxicos, ante a actual submisión do PP aos intereses económicos duns poucos”, e afirmou que “un Goberno non pode actuar como un simple comercial para xustificar con titulares o seu apoio a un sector, senón que debe amosar o seu peso alí onde ten que facelo e apostar polos asuntos vitais do seu territorio”. Gómez Besteiro apuntou ademais ante a militancia que “algúns que criticaban a Felipe González porque, segundo eles, ía mendigar a Bruxelas, terían moito que aprender do que é mollarse de verdade e defender os intereses dun país e dos seus traballadores”, que “nunca van estar representados polo PP e é a senda que sen dúbida debe retomar o socialismo”.