Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrancan en Trasbar as obras de execución da rede de saneamento que permitirá a entrada en servizo da Edar

saneamento_trasbarCervo, 11 de xuño de 2013-O Concello de Cervo anunciou hoxe o comezo das obras de construción da rede de saneamento en Trasbar (parroquia de Castelo) que inclúen a instalación de 900 metros de colectores que permitirán levar as augas residuais dos fogares ata a EDAR, que xa está construída e preparada para entrar en servizo. Cabe destacar que a posta en marcha da depuradora dependía da dotación do colector xeral que canalizase a auga ata a EDAR.

Uns traballos que foron adxudicados á empresa Cazás, que iniciou onte a instalación dos primeiros metros de tubaxes. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Obras, Pilar Armada, así como técnicos municipais achegáronse esta mañá ata a zona para comprobar o seu desenvolvemento. “Estas obras son un paso máis na dotación dunha rede de saneamento completa no núcleo de Trasbar” explica Armada, polo que “se trata dun proxecto moi importante para avanzar na extensión de servizos básicos para a cidadanía”.

Este proxecto supón un investimento de 40.000 euros, dos cales o Concello de Cervo achega 27.300 euros, é dicir, o 68% do custo, mentres a Deputación pon o importe restante a través do Plan de Obras e Servizos (POS).

Exit mobile version