Este sábado 8 de xuño, dentro da Semana do Medio Ambiente e coincidindo co Día Mundial dos Océanos, levaremos a cabo unha limpeza simultánea de praias en máis de 20 areais dende Baiona até Burela. Serán actividades de educación e voluntariado ambiental para mudar conciencias e reivindicar políticas de reciclaxe e reutilización, dicindo non aos plásticos, á incineración e aos vertedoiros.
A maioría das cousas que usamos ou consumimos están feitas con algún material plástico, un material feito para durar sempre pero que utilizamos durante un periodo de tempo limitado, moitas veces ínfimo. A mentalidade do usar e tirar é relativamente recente, se o pensamos ben, non fai moito os recipientes da maioría dos produtos eran reutilizables (vidro, aluminio…) e duraban moito máis. Actualemnte recupérase só un 5% do plástico producido mundialmente (225 millóns de toneladas anuais). Un 50% remata en vertedoiros ou incinerado, e unha grande parte “desaparece” no medio, moitas veces nos océanos.
A contaminación por plástico é un grave problema que afecta aos ecosistemas mariños. Estes residuos causan a morte de máis dun millón de aves mariñas, e de 100.000 mamíferos mariños e tartarugas cada ano. Estes animais confunden o plástico (tapóns, bolsas, etc.) con alimento e acaban morrendo de inanición cos estómagos cheos de lixo. Outros acaban enredados nestes residuos e morren igualmente.
No océano hai plásticos que flotan e outros que afunden. A luz do sol acaba fragmentando e converténdoo en pequenas partículas que nunca desaparecen. O microplástico tamén chamado “plancto plástico” está formado por pequenas partículas que atraen substancias como DDT, PCB ou outros pesticidas daniños para a saúde, incrementando os seus niveis e polo tanto a súa perigosidade. É por iso que os pequenos plásticos no océano non son inocuos. Estas substancias altamente canceríxenas acaban pasando a cadea trófica en peixes que viven libres nos océanos, e que rematan nos nosos pratos, afectando directamente á nosa saúde.
Ante esta grave problemática ambiental dende ADEGA convidámoste a pasar á acción. O máis importante nesta loita é mudar os hábitos e reducir día a día o consumo de plástico, utilizando bolsas de tea, comprando a granel, rexeitando os produtos con varios embalaxes innecesarios, mudar as botellas de auga por cantimploras…
Cada ano celebrando o día dos océanos ADEGA convoca unha limpeza simultánea de praias en toda Galiza. Centros de ensino público, institutos, universidades, escolas de surf, centros de mergullo, asociacións culturais, colectivos ecoloxistas en máis de 20 praias en todo o litoral galego mobilizarán a grandes e pequenos/as pola defensa dos océanos.
Podes ver as limpezas convocadas e unirte a algunha ou organizar unha coa túa asociación ou grupo de amigas e amigos.
Na limpeza simultánea de praias están inscritas as seguintes entidades:
CONCELLO | Colectivo | PRAIA |
A Coruña | ADEGA-Coruña e Plataforma pola defensa da ría de Sada | Praia de Morazón |
Arteixo | GN Hábitat eCEIP Salgado Torres | Praia O Reiro |
Baiona | Concello de baiona | Praia de Baiona |
Burela | IES Perdouro | Perdouro |
Carnota | Raínha Lupa,Plataforma pola defensa do Patrimonio de Quilmas e ADEGA- Costa da Morte | Corna Becerra |
Fene | ASPANEPS | Praia de San Valentín |
Ferrol | ADEGA Ferrolterra eOcéano Surf Clube | Doniños |
Fisterra | IES Fin do Camiño | Praia de Fisterra |
Laxe | IES Baio-Zas | Traba (Laxe) |
Muxía | Programa de voluntariado do concello de Muxía | Praia dos muiños |
Nigrán | Prado Surf Escola | Praia de Patos |
O Grove | Riders Surf School | A Lanzada |
O Grove | IES As Bizocas | Areal da Cruz |
Oleiros | Oficina de Medio Ambiente da UDC | Bastiagueriño |
Poio | Plataforma Veciñal de Samieira | Areal do Laño |
Porto do Son | ADEGA – Nacional | Queiruga |
Vigo | Buceo Balea | Marina Dávila |
Vigo | Voces polo litoral de Teis | A Lagoa |
Vilanova de Arousa | IES A Basella | Terrón |
Viveiro | Van Surf School e A Estruga | Praia de viveiro |