Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA esixe a retirada do Plano Sectorial de Actividades Extractivas por promover a megaminaría contaminante

18 de xuño de 2013. O Plano Sectorial de Actividades Extractivas (ou Plano da Minaría) vai permitir á Xunta autorizar novas explotacións e ampliar existentes en terreos até agora vedados, xusto o que demanda o lobby mineiro ao ditado das transnacionais colonialistas. De querer garantir un “aproveitamento racional” dos recursos mineiros que non comprometa o equilibrio dos ecosistemas e non altere o medio físico e humano, este PSAEG debería comezar por establecer zonas de exclusión e prohibir prácticas mineiras nocivas. Porén, o Plano da Minaría de Feijóo considera a totalidade do territorio galego como explotábel e non establece límites para o uso de técnicas agresivas como a cianuración ou o “fracking”. Para o PP, os habitantes dos territorios afectados polas minas non pasan de simples indíxenas aos que enganar co brillo dos postos de traballo en precario. ADEGA esixe a retirada deste PSAEG, a paralisación inmediata de todos os permisos mineiros en tramitación e a constitución urxente do Consello da Minaría. Sr. Feijóo: Galiza só é unha mina para os corruptos!

Para ADEGA o Plano Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza (PSAEG) debería integrar na súa parte normativa (Documento de Referenza e Informe de Sustentabilidade Ambiental) os seguintes PRINCIPIOS E DISPOSICIÓNS:

1. Os recursos xeolóxicos deben ser usados de forma eficiente para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses das empresas, sendo a prevención e o control da demanda prioritarios sobre a produción. A participación da sociedade na elaboración, deseño e execución da política mineira debe garantirse constituindo con urxencia o Consello da Minaría de Galiza, tal como establece a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría.

2. Non debería aumentar a extracción de substancias da codia terrestre se estas materias primas poden ser beneficiadas mediante a recuperación e a reciclaxe. É preciso pois que este PSAEG avalíe a porcentaxe da demanda de materiais beneficiados dos recursos mineiros que podería cubrirse mediante a recuperación e a reciclaxe, á hora de planificar novas actividades extractivas.

3. A extracción destas materias primas debería facerse de acordo coas solucións tecnolóxicas máis avanzadas, atendendo ao menor impacto sobre o ambiente e a saúde, e aplicando os principios de Precaución e Mínima Exposición.

4. O aproveitamento dos recursos xeolóxicos debe ser compatíbel coa protección do medio ambiente, do patrimonio histórico-arqueolóxico e cultural, cos usos actuais do solo e vencellados á economía da zona. No caso de incompatibilidades, prevalecerán todos estes usos sobre os aproveitamentos mineiros.

5. O aproveitamento dos recursos mineiros non debe empobrecer os sistemas agroforestais nin alterar os ecosistemas naturais. Débese prohibir o seu beneficio en chan rústico de especial protección forestal e agropecuaria, así como en chan de protección de espazos naturais, augas e costas e dentro dos espazos naturais protexidos pola lexislación galega, estatal, europea e internacional. O PSAEG debe recoller estas prohibicións e, portanto, establecer zonas de exclusión para as actividades mineiras declarándoas como “non rexistrábeis”.

6. Débese prohibir a extracción de minerais metálicos e outros elementos tecnolóxicos polo sistema de ceo aberto. O uso do cianuro debe prohibirse en todo caso, así coma o emprego de substancias perigosas ou metodoloxías que poidan poñer en risco a saúde ambiental e cidadá se non existen alternativas. A este respeito, as técnicas de “fracking” non deben estar permitidas en todo o territorio galego, incluída a plataforma continental.

7. Todos os xacementos de minerais tecnolóxicos existentes no subsolo de Galiza, incluída a plataforma continental, deben considerarse estratéxicos para o país. Portanto, a Xunta debería declarar os seus xacementos como zonas de reserva permanente, impedindo o seu aproveitamento por empresas privadas. De autorizar algunha explotación mineira, a participación pública no beneficio neto das empresas concesionarias non debería ser inferior ao 20%. Os recursos obtidos pasarán a integrar un Fondo de Compensación Ambiental e Social e xestionaranse consonte ao establecido no punto 10.

8. Non se poderán conceder permisos de exploración, investigación e explotación mentres non se elabore se constitúa o Consello da Minaría de Galiza e entre en vigor o Plano Sectorial de Actividades Extractivas, consonte a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría. Consecuentemente, suspenderanse todos os permisos e concesións en tramitación. Non se poderá conceder ningún permiso de explotación sen un acordo favorábel e por escrito de cando menos o 75% dos titulares das terras afectadas pola explotación.

9. Os responsábeis das concesións deberán contar, antes do inicio da actividade, cun seguro ou garantía de cobertura con entidade suficiente para garantir o pago dos custos e indemnizacións xeradas por eventuais accidentes. As administracións deberían constituír ademais un Fondo de Restauración Ambiental integrado con aportacións das empresas concesionarias, por un importe mínimo equivalente ao 5% do total do investimento, e que estaría destinado a garantir os custos da reparación do medio afectado pola actividade mineira, logo de rematada esta.

10. Os beneficios obtidos polas administracións derivados das actividades mineiras autorizadas, a teor do exposto no punto 7, adicaranse en primeiro lugar á mellora ambiental e socioeconómica das comunidades nas que de desenvolvan proxectos de explotación, e en segundo lugar, adicaranse a proxectos dinamizadores do medio rural. En ambos os dous casos a aplicación destes orzamentos será anual ou bianual.

Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS a retirada deste documento e que incorporen as presentes consideracións á redacción dos Documentos de Referenza e do Informe de Sustentabilidade Ambiental do PSAEG.

Exit mobile version