Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta recoñece no Parlamento o incumprimento do acordo unánime para autorizar permex para cubrir vacantes temporais

Santiago de Compostela, 05 de xuño de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, obtivo hoxe a confirmación por parte da Xunta de que están a vulnerar o acordo unánime aprobado fai un ano para autorizar permex para cubrir baixas temporais no sector marisqueiro. Así o confirmou hoxe a Xunta na Comisión de Pesca do Parlamento, en resposta a unha pregunta oral do PSdeG-PSOE.

O responsable socialista lamentou que o goberno galego teña incumprido durante todo un ano este acordo unánime, e criticou que “votan a favor do acordo e agora din que non é un punto vital nin importante e non fan absolutamente nada”. Criticou así que nin tan sequera teñan iniciado contacto algún co sector para encetar o cumprimento deste acordo para aproveitar os permex inactivos temporalmente.

Val considerou ademais “alarmante” que o goberno galego manifeste que a creación de emprego no sector marisqueiro “non é a súa prioridade”, cando debera ser “a principal preocupación nun momento como o actual”. Esixiu así “vontade política” para responder aos compromisos asinados polo Parlamento de Galicia artellando unha “ferramenta áxil e útil” que permita aproveitar estes postos de traballo.

Na súa intervención, dixo que o desleixo do goberno galego con respecto a este asunto, así como a falla de apoio ao sector demostran que a Xunta “non é consciente dos problemas reais das persoas deste país, e por iso non é capaz de darlle resposta a ningún deles”. Lamentou que o goberno non considere “un problema” que o salario medio das mariscadoras sexa de 500 euros.

Criticou a falla de impulso aos proxectos comercializadores de marisco, a inacción diante das zonas improdutivas aptas para o cultivo, así como os problemas xerados polo furtivismo ou polas vixilancias. Mentres, o número de Permex vese reducido “de facto” polas baixas por motivos de saúde, aínda que as condicións de extracción se manteñan.

Este é o cerne do acordo parlamentario aprobado fai un ano e que o Goberno desestimou unilateralmente a través da súa inacción. Este instaba á Xunta a “analizar en conxunto coa representación do colectivo de marisqueo a pé e co resto de organizacións” a posibilidade de realizar as modificacións normativas necesarias para autorizar Permex temporais para cubrir as vacantes pola inactividade prolongada dos titulares orixinais.

Exit mobile version