Burela, 18 de xuño de 2013. A Xunta de Galicia comunicoulle ao Concello a homologación da nova ubicación do Centro de Formación Ocupacional, que se atopa nos locais municipais situados nas inmediacións do parque de Tíjola.
O concelleiro delegado de Economía e Emprego, José Casas Martínez, manifestou a “satisfacción do equipo de goberno por este importante logro”, e indicou que “esta homologación vai facultar ao Centro de Formación Ocupacional a impartir oito modalidades distintas de acreditación de profesionalidade: operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais; operacións de gravación e tratamento de datos e documentos; asistencia á dirección; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; promoción turística local e información ao visitante; atención ao cliente, consumidor ou usuario; dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil; e xestión integrada de recursos humanos”.
Casas Martínez sinalou que “estas modalidades son as que se solicitaron hai uns meses, pero agora queda a porta aberta para pedir a homologación para máis modalidades, tendo en conta que os locais son moito máis amplos cos anteriores. Gañamos máis do dobre de espazo”.
O concelleiro de Emprego tamén puxo de manifesto “o apoio da Xunta ante o que foi un proxecto serio liderado persoalmente polo alcalde e que contou coa implicación absoluta dos empregados municipais vinculados a este servizo”.
José Casas afirmou que “este paso é, sen dúbida, moi significativo de cara a poder proporcionar saída laboral ás persoas desempregadas. Ninguén nos pode dicir que estamos de costas ao problema do desemprego, nin tan siquera parados ante esta lacra social. Estamos dando pasos de grande importancia dentro do noso marco competencial, que é limitado neste campo. E como o camiño se demostra andando, aí están, ademais, os catro cursos de formación para sesenta desempregados que comezarán en breve”.
Finalmente, e sobre os cursos que comezarán previsiblemente a primeiros do mes de xullo, Casas Martínez indicou que “en principio, impartiranse nas instalacións de Suafonte, que son as homologadas para eses cursos”.