Segundo Gómez Besteiro, a iniciativa consta de tres fases: “prestaremos asesoramento personalizado e in situ ós empresarios sobre as aplicacións TIC que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio; instalarémoslles esas ferramentas; e darémoslles formación específica para que as saiban utilizar unha vez concluído o programa”. Estas “tres ventaxas” fan que esta iniciativa do organismo provincial sexa pioneira na comunidade galega, apuntou o Presidente.
O mandatario provincial puxo como exemplo das solucións tecnolóxicas que a Deputación proporcionará ás firmas beneficiarias: a implantación da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e marketing a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes, ou antivirus.
Atende unha necesidade do tecido empresarial lucense
Besteiro destacou a necesidade de impulsar este plan para o tecido empresarial lucense porque, mentres que hai 13 millóns de persoas en España que compran por Internet, case 600.000 delas en Galicia, segundo un informe da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tan só un 10% das pequenas empresas da provincia de Lugo venden por Internet; só o 24% teñen páxina web; e unicamente o 6% está presente nas redes sociais.
“Na Deputación queremos darlle a volta a estas cifras”, subliñou o Presidente, “e que as nosas PEMES autónomos aproveiten as grandes posibilidades que as novas tecnoloxías supoñen para potenciar o seu negocio: ser máis competitivas, mellorar a produtividade, reducir custes e xerar emprego”. Por iso, argumentou, hai dous anos a institución puxo en marcha a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com que comezou cunha vintena de empresas adheridas e hoxe son un centenar as que poñen á venda máis de 500 produtos e servizos neste portal; e hai tan só dúas semanas asinou un convenio coa Escola de Organización Industrial (EOI), dotado con 3 millóns de euros e encamiñado a impulsar a actividade de 300 PEMES e autónomos lucenses a través da innovación e o uso das novas tecnoloxías, e a crear máis dun cento de empregos para persoas no paro, especialmente mozos.
Onde e ata cando poden anotarse
O prazo para que os empresarios interesados se anoten no novo proxecto que a Deputación impulsa a través do Innova-TE, aberto a todo tipo de sectores, abriuse hoxe mesmo. Para elo, non teñen que máis que entrar na web da Deputación www.deputacionlugo.org onde atoparán un banner que lles dará acceso a toda a información sobre esta iniciativa e ó correspondente formulario de inscrición. Poderán anotarse durante este mes de xuño, para arrancar xa coas primeiras actuacións en xullo e ter listo todo o programa en decembro.
O Deputado de Economía do Coñecemento animou ás PEMES e autónomos lucenses a participar neste proxecto porque “se trata dunha iniciativa a custe cero para eles, e porque recibirán un asesoramento moi próximo, individualizado e continuo; formación especializada e as ferramentas tecnolóxicas que mellor se adapten ó seu modelo de negocio”.
Neste senso, destacou que todas as aplicacións “que facilitaremos son de software libre, é dicir, que non terán que pagar nada para súa utilización e o seu mantemento, unha vez rematado o programa”.
Tres gurús do mundo empresarial e TICs
O novo plan emprendido pola Deputación a través do Innova-TE ten un segundo bloque, que consistirá na organización de tres xornadas formativas, tamén gratuítas, e abertas a todo tipo de público, “co fin de poñer de relevo a enorme importancia que ten a tecnoloxía na actualidade para o desenvolvemento das empresas”, explicou o Presidente.
Terán lugar ó longo do último trimestre do ano, e nelas intervirán tres persoeiros de renome mundial, auténticos gurús no mundo empresarial e das TIC: Eduard Punset, Emilio Duró e Fernando Trias de Bes.
Eduard Punset, avogado, economista e comunicador científico, é un especialista en temas de impacto das novas tecnoloxías. Leva publicados unha vintena de libros e acumula unha trintena de galardóns ó longo da súa traxectoria profesional. Tivo un papel destacado na Transición á democracia española e na apertura de España ó exterior; participou na implantación do Estado das Autonomías e, como presidente da delegación do Parlamento Europeo en Polonia, tutelou parte do proceso de transformación económica dos países do Este tras a caída do Muro. Na actualidade é profesor de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade na Universidade Ramón Llull, e director e presentador do programa Redes de TVE.
Emilio Duró é un coach empresarial e conferenciante de referencia a nivel internacional, moi popular nas redes, que traballa ademais como consultor para importantes empresas do país. Un motivador, que axuda a clarificar, fixar e acadar obxectivos empresariais, ou calquera outro obxectivo profesional ou vital.
Fernando Trias de Bes é un escritor e economista especializado en marketing, creatividade e innovación; autor de media ducia de ensaios sobre economía e empresas. Foi colaborador de El País Semanal e do programa La Brújula de Onda Cero, e actualmente escribe no suplemento de economía de La Vanguardia.