Burela, 5 de xuño de 2013. Mañá, 6 de xuño, ás 20 horas no salón de actos da confraría de pescadores terá lugar o acto de entrega dos premios aos gañadores do certame de relato curto que convocaron o Concello de Burela e máis a confraría con motivo da celebración do día mundial dos océanos.
Unha vez rematado o prazo de admisión de traballos e reunido o xurado correspondente os gañadores son: Iria Calvo Fernández (1º ciclo de primaria), Ana Balseiro Baltar (2º ciclo de primaria) e Delio Oterio Romo (3º ciclo de primaria). Segundo informa a Concellería de Medio Ambiente “os relatos gañadores foron publicados no facebook do arquivo da confraría de pescadores e todas as obras estarán tamén expostas á entrada do devandito arquivo. Os relatos poderán ser recollidos polos seus autores a partires do vindeiro 1 de xullo”.
Día Mundial do Medio Ambiente
Hoxe celébrase o día mundial do medio ambiente, que ten como slogan Pensa. Aliméntate. Aforra. A edil Patricia López Eijo sinala que “para apoiar esta iniciativa invitamos aos nosos veciños e veciñas a utilizar as sobras da comida para a elaboración doutras receitas, e así aproveitar eses alimentos, que sen dúbida son un ben prezado. Hai que pensar que ao ano desperdícianse 1,3 billóns de toneladas de comida”. A concelleira popular engade que “os interesados en apoiar esta iniciativa poden colgar no facebook de Medio Ambiente Burela as súas receitas”.
A Delegación Municipal de Medio Ambiente organiza ademais unha mesa redonda titulada Burela, ¿labrega ou mariñeira? e na que se abordarán a tradición das hortas urbanas en Burela e as prácticas recomendables para un manexo ecolóxico dos cultivos. O acto será mañá, 6 de xuño, no Salón de Conferencias de Burela, na rúa do Correo, ás 20 horas. A actividade foi programada para celebrar o día mundial do medio ambiente.