Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza este mes de xuño o 1º Foro de Economía en Foz

A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza este mes de xuño o 1º Foro de Economía, que terá lugar os vindeiros venres 7, 14 e 21 de xuño no salón de actos do CENIMA de Foz.

Este foro organízase coa vontade de promover un debate social arredor da crise económica e as consecuencias que está a ter no concello de Foz. Efectivamente estamos diante dunha crise de carácter global, mais que presenta unhas características particulares en función dos territorios, por iso queremos achegármonos aos efectos que a mesma está a ter nunha vila coma Foz, que vén a ser extrapolable a vilas semellantes da Mariña.

Neste sentido, queremos facer fincapé nos efectos que a crise dun modelo de desenvolvemento está a ter no sector público na medida en que os recortes que se están levando adiante no mesmo afectan de xeito directo ao poder adquisitivo dos veciños do noso concello xerando empobrecemento. Estamos convencidos de que a crise está a ser usada como coartada para reducir e eliminar servizos no noso concello, dun xeito particular no ensino e na sanidade, e isto é o que trataremos de abordar da man das persoas implicadas nestes sectores a través da charlas-debate que conforman o programa.

PROGRAMA

Venres 7 de xuño – 20:30 horas – CENIMA – “EDUCACIÓN EN FOZ”

Nesta charla-coloquio abordaranse as principais consecuencias para Foz dos recortes en educación realizadas pola Xunta de Galiza, que ademais de suprimir unidades educativas, profesorado ou introducir o pagamento do comedor, na nosa vila tiveron especial incidencia coa supresión de Ciclos Formativos.
Coa participación de:
· Nemesio Rodríguez – Director do IES de Foz
· Abilio Calvo – Representante das ANPAS de Foz
· Xan Carlos Basanta – Representante da CIG Ensino

Venres 14 de xuño – 20:30 horas – CENIMA – “SANIDADE PÚBLICA?”

O feito fundamental de que o mapa de servizos sanitarios de Galiza deixase a Foz sen PAC servirá nesta charla-debate como base da análise para ollar as consecuencias de perda de recursos en servizos sanitarios básicos provocado polos recortes na sanidade pública.
Coa participación de:
· Iago Villamil – Médico no Hospital da Costa
· Vitor Vila – Traballador de Atención Primaria
· Atilano Fernández – Portavoz da Comisión Focega en Defensa da Sanidade

Venres 21 de xuño – 20:30 horas – CENIMA – “O SECTOR FORESTAL”

O noso monte segue a ser a nosa riqueza, mais nosa será mentres saibamos explotala, poñela en valor e xestionala con tino. Galiza conta cuns recursos forestais que non posúen outros países. Nesta charla-coloquio afondarase na situación do sector forestal no noso concello e comarca a través das diversas partes implicadas.
Coa participación de:
· Teresa Rañal – Presidenta de PROMAGAL (Federación de Asociacións de Produtores de Madeira de Galiza)
· Xesús Casavella – Presidente da Comunidade de Montes de Cangas
· Bernardo Valdés – Profesor da USC experto en Economía e Política Agraria

Exit mobile version