Site icon Crónica3.com A Mariña

O persoeiro inesquecible

O Concello de Lourenzá declarou éste o Ano de Fernández del Riego para ó longo del, e co gallo de diversas efemérides importantes na vida do ilustre intelectual e académico, render homenaxe ó máis insigne persoeiro da nosa cultura, nado no seu territorio, do que é Fillo Predilecto. Cuarto de século hai que coñecemos persoalmente a don Paco ó coincidir nunha cea de gala en Ourense na entrega de premios da Federación de Libreiros de Galicia, na que el era convidado de honra. Os encargados do protocolo tiveran a deferencia de acomodarnos á carón súa, e tivemos a oportunidade de conversar paseniño con tal enciclopedia, todo modestia, tolerancia, e respecto ás persoas e ás ideas por diverxentes que foran das súas; dotado dunha mente e unha memoria privilexiadas. Contounos que pasara en Foz os doce primeiros agostos da vida, viaxe que facía no carro de cabalo de a Picueira de Vilanova . Cómo desfrutaba na Rapadoira apañando “ollosmau” ou co “esquieiro” (que en Vigo chaman ganapán, nos dixo) por entre as penas ou, precoz melómano, escoitando a Banda de Martiz de Vilaronte, que cada domingo daba un concerto no peirao….Director da Casa Galega da Cultura, de Vigo, na Porta do Sol, onde se atopa a Fundación Penzol, que tamén dirixía; foi alí onde nos últimos anos estreitamos a relación, pois moi pretiño vive Mauro, o noso sexto netiño. Isto fixo que o visitáramos con frecuencia e que tamén pasáramos mais tempo con el, que tiña serios problemas de mobilidade… Un día falamos do periódico “Despertar” que se publicou en Foz no 1936, e amosou interese en que unha colección do mesmo ficara na hemeroteca da Fundación. Á visita seguinte levamos unha fotocopiada e dende entón figura no arquivo da Penzol. Boa parte das conversas eran referidas a mil aspectos da nosa bisbarra; o mestre vivía con nostalxia a ausencia do seu pobo. Había un feixe de anos que non se achegaba por Foz: díxonos que a derradeira vez, na compaña de dona Evelina, a muller, xantaran no Leytón e que tomaran unha botella de Paternina Banda Azul, ¡a memoria de don Paco!. Hai uns tres anos compartimos por última vez mesa e mantel e despois do café, cun vasiño de whisky, fumou o H.Upmann de cada día. Tiña 95 anos. Recibira, ó longo da vida, os mais importantes recoñecementos e galardóns: Presidente da R.A.G.; medalla de Ouro de Galicia; medalla Castelao; Galego Egrexio; Pedrón de Ouro; Doctor Honoris Causa… O cronista únese afervoadamente a canto homenaxe se tribute ó ilustre laurentino, a quen, pola súa excepcional personalidade humana e intelectual, no noso nomenclator persoal figura como “don Paco, o persoeiro inesquecible”.

Suso Fernández
Cronista Oficial de Foz

Exit mobile version