Burela, 20 de maio de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, asistirá o martes, día 21 de maio, á recepción oficial que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fará no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, ás xogadoras, corpo técnico e directiva do Burela Fútbol Sala Pescados Rubén feminino, que se ten proclamado campión de liga de división de honor nacional. Burela FSF é primeiro equipo da provincia de Lugo que acada un título da máxima categoría nacional.
González Barcia manifestou “o agradecemento do Concello de Burela e de todos os veciños e veciñas ó presidente Núñez Feijoo. Para nós é unha enorme honra que o presidente de todos os galegos e galegas reciba na sede da Presidencia da Xunta ás xogadoras que teñen posto a Burela no máis alto do deporte nacional. Como non podía ser menos, o presidente da Xunta sabe corresponder cos éxitos acadados polo deporte galego, neste caso, e por primeira vez, a través do Burela Fútbol Sala Pescados Rubén feminino”.