Santiago, 12 de maio de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, impulsa xunto á Federación de Libreiros de Galicia a XXXI Feira do Libro de Lugo, a que será a terceira cita do renovado calendario de 2013 e que estará instalada desde o vindeiro día 14 ata o 19 de maio na Praza Maior lucense.
Entre o próximo martes e o domingo 19, a cidade de Lugo acollerá numerosas iniciativas no marco do programa da súa XXXI Feira do Libro. A través da habitual actividade nas casetas dos distintos libreiros lucenses e mais un total de 26 actos, a Consellería de Cultura e Educación e a Federación de Libreiros de Galicia promoven a difusión da actividade do sector editorial, incentivan o consumo cultural e fomentan a lectura entre toda a cidadanía.
Dentro da programación da Feira destacan as actividades dedicadas a Roberto Vidal Bolaño, co gallo do Día das Letras Galegas 2013 que se celebrará o vindeiro venres 17 de maio. Deste xeito a efeméride literaria coincidirá coa Feira do Libro de Lugo e será conmemorada coa representación de ‘Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño’, unha charla que Urdime Teatro escenificará a través da actriz Laura Ponte e o fillo do autor, Roi Vidal Ponte. Ademais o propio 17 de maio terá lugar a ‘Festa poética Xistral’, un recitado de poemas e lecturas de Vidal Bolaño a cargo de poetas colaboradores da revista Xistral e outros poetas lugueses; e Ana Carreira representará Touporroutou, espectáculo baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
Feiras do Libro de Galicia
Tras a posta en marcha do novo calendario de Feiras do Libro 2013 coa Feira do Libro de Ferrol, e a súa continuidade na cidade de Compostela, a Federación de Libreiros de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, levan unha nova celebración á cidade de Lugo. Tras a súa estadía na cidade amurallada, as Feiras do Libro chegarán a Ourense (4 – 9 de xuño), Vigo (28 de xuño – 7 de xullo), A Coruña (1 – 11 de agosto) e Viveiro (13 – 16 de agosto). As novas citas que este ano apoia a Xunta de Galicia serán as de Pontevedra (21 – 26 de maio), Rianxo (25 – 27 de xullo), Foz (17 – 20 de agosto) e Monforte (22 – 25 de agosto).
A colaboración entre Consellería e Federación de Libreiros renóvase este ano co obxectivo de darlle un novo pulo a estes eventos como focos dunha variada oferta cultural para as familias e como unha oportunidade de difusión da actividade do sector editorial. Así, paralela á actividade das casetas, as Feiras do Libro 2013 contarán cun completo programa de actividades culturais, artísticas e de animación de rúa, entre outras, para a dinamización efectiva destes eventos. Co seu apoio ás feiras, o obxectivo da Consellería de Cultura e Educación é impulsar o desenvolvemento e difusión da cultura galega, co seu apoio, xunto co editorial, a outros sectores da cultura galega, a través da aposta polos artistas de base e polas compañías galegas.