Ribadeo, 20 de maio de 2013. A tapa de La Solana (na fotografía) é a gañadora da oitava edición do Ribadeo de tapeo. Esa foi a decisión do xurado que durante o sábado percorreu os 10 locais finalistas. O segundo premio foi para La Villa e o terceiro para O Tumbín. O nome dos premiados dábao a coñecer este mediodía a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez.
Os finalistas do Ribadeo de tapeo foron: Taberna de Lola, La Villa, O Tumbín, A Dorada do Cantábrico, Cabás, La Solana, AG Porcillán, Casa Pepe, hotel Bouza e Parador de Ribadeo. Dentro duns días farase o reconto dos votos depositados nas urnas dos 55 locais participantes no Ribadeo de tapeo e coñecerase entón o nome da tapa preferida polo público.
A edil nacionalista sinalou que “Ribadeo de tapeo por oitavo ano consecutivo puxo onte o broche final a dez días de cociña en miniatura e desde a organización queremos agradecer especialmente a todos, aos 55 establecementos participantes, o seu esforzo e o traballo durante todo o evento, porque son eles os que propician o éxito desta iniciativa para facer que o público disfrute destas creacións”. Martínez subliñou que “foron moitas as persoas que decidiron saír á rúa e probar algunha das especialidades presentadas e cremos que o evento desde logo tivo moi boa acollida dadas as moitas tapas servidas durante estes días e a pesares de que o tempo durante esta última fin de semana desde logo non nos acompañou, xa que o sábado foi un dos días máis chuviosos dos últimos anos. Aínda así a xente non quixo deixar de disfrutar dos sabores, dos olores, das sensacións deste Ribadeo de tapeo e os datos das tapas servidas roldan as 50.000 durante os dez días, que ven sendo unha cifra similar ás de outros anos”.
A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo dixo que “a novidade desta edición, a aplicación para móbiles, tivo moi boa acollida, o que demostran as máis de mil descargas que se efectuaron e como se foi utilizando para o seguimento a participación no tapeo, xa que houbo unhas 10.000 valoracións coas estrelas para facer ese seguimento de como ían gustando as tapas ao público”.
Ana Martínez manifestou que “aínda que desde a organización desexaríamos que todos os locais fosen os gañadores, xa que todos eles puxeron ilusión e teimosía e souberon achegar aos clientes propostas atractivas desde logo é imposible que todos poidan recibir o premio do xurado, que estivo formado por catro profesionais de hostalería que inicialmente percorreu durante os primeiros días do concurso de cara a facer unha primeira preselección, tal como se indica nas bases e como se fai tódolos anos seguindo diversos parámetros de xeito totalmente obxectivo e profesional. E desde logo por elo, sen desmerecer para nada ao resto das outras tapas, quero aproveitar para agradecerlles a súa participación desinteresada e gratuíta a este xurado de primeira selección, que estivo formado por dous profesores de Hostalería de Tapia, unha profesora de Hostalería de Foz e un especialista e profesional de hostalería: Rubén Díaz García, Héctor González Fernández, Ana Martínez Arruñada e Miguel Ángel Sánchez Méndez”. E seguiu a relatar que “eles foron os que fixeron a primeira preselección e de aí saíron as dez tapas finalistas das que agora vou dicir o seu nome e dar a noraboa aos chegaron a esta final. Son o montadiño de ibérico en mollo de mazá sobre pataca panadeira, do hotel Bouza; xabaril con salsa agridoce e mazá e cebola confeitada, da taberna El Cabás; tubo de solombo de porco ibérico recheo de queixo de rulo de cabra con cama de verdura e salsa de crema de champiñóns, do restaurante A Dorada do Cantábrico; mosaico de froitos do mar en zume de nécoras, do Parador de Ribadeo; ferrero rocher de pescada, do restaurante Casa Pepe-O Piano; empanada de longueiróns 2.0, de La Solana; estufado de polo de curral con cebolas, pementos e patacas da nosa horta, de A Taberna de Lola; coulant de foie de pato con xeada de champiñón de Portocelo, do hotel AG Porcillán; roliño de repolo recheo de carne e xamón ibérico con pataquiñas redondas, do bar restaurante O Tumbín; e bombón da aldea, do hotel restaurante La Villa”.
A edil de Desenvolvemento Local explicou que “na fin de semana, durante a xornada do sábado 18, un xurado finalista que se engade a estas catro persoas que fixeron a primeira selección das tapas finalistas, que está conformado polo director de GastroRadio e consultor gastronómico, Pablo Márquez; o documentalista e director Enrique Baixeras; a xornalista Mª José Fernández Azpeitia; o xornalista gastronómico Miguel Vila; o blogueiro e experto en cociña Manuel Gago; Soledad Felloza, actriz, contadora e fotógrafa gastronómica; e o xefe de cociña do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Roberto Whalter. Tamén lles agradecemos desde logo a súa inestimable colaboración. Eles foron os que fixeron a selección dos gañadores, que agora nomeo: o terceiro premio é para roliño de repolo recheo de carne e xamón ibérico con pataquiñas redondas, do bar restaurante o Tumbín; o segundo premio correspondeulle ao bombón de aldea, do hotel restaurante La Villa; e xa o primeiro premio desta oitava edición do Ribadeo, de tapeo foi para a empanada de longueiróns 2.0, de La Solana. A todos eles e a todos cantos participaron neste Ribadeo, de tapeo co seu traballo non me queda máis que dicirlles que noraboa e moitas grazas”.