Cervo, 20 de maio de 2013.- A delegada territorial, Raquel Arias, manterá mañá unha xuntanza con representantes dos negocios de hostalería e restauración da Mariña para dar a coñecer a últimas iniciativas postas en marcha pola Xunta de Galicia para fomentar a excelencia turística.
Na xuntanza, na que tamén participarán os representantes da Mancomunidade de Municipios da Mariña, encabezados polo seu presidente, Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros, Raquel Arias informará das liñas de axuda postas en marcha para a modernización e mellora de instalacións en hoteis, restaurantes, albergues turísticos e empresas de servizos turísticos complementarios, así como para a certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
No primeiro caso serán subvenciónanse actuacións para a modernización das instalacións, aumento da categoría do establecemento, supresión de barreiras arquitectónicas ou melloras coa finalidade de obter a certificación de calidade.
Paralelamente, a Axencia Turismo de Galicia axudará aos establecementos interesados en acceder ou conservar o distintivo Q de Calidade, colaborando nos custos derivados do proceso, como os de auditoría externa, e dos derivados dos dereitos do uso da marca.
Ambas convocatorias establecen a concorrencia competitiva, pero inclúen unha previsión de discriminación positiva para Lugo, de conformidade cos obxectivos do plan ImpulsaLugo. Así, o baremo contempla maior puntuación para as iniciativas procedentes desta provincia.