O programa ENREDARTE, proxecto global concebido pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, a través da súa Rede Museística, e que ten por obxectivo incentivar a creación, a promoción e a difusión de diferentes disciplinas artísticas, engloba cinco iniciativas. Para tres delas déronse a coñecer as bases das convocatorias e refírense a Diálogos na Rede, Estudio Aberto e Espazos públicos de visibilidade.
Estudio aberto
Dentro do proxecto global ENREDARTE, “Estudio Aberto” é un proxecto concibido como un espazo para o diálogo directo entre os artistas e o público. A Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo ofrécelles a Sala de exposicións temporais do Pazo de San Marcos a artistas plásticos de diferentes disciplinas (pintura, escultura, debuxo, instalación, fotografía, videocreación,…) para que durante dous meses a convertan nun estudio aberto, no que os artistas elixidos disporán dun espazo para crear diante dos visitantes, en diálogo directo con eles e cos outros creadores seleccionados. Esta iniciativa desenvolverase desde o 1 de xullo ó 31 de agosto de 2013.
As prazas convocadas para este proxecto serán 6; unha por cada unha das disciplinas que se enumeran a continuación: pintura, escultura, instalación, debuxo, fotografía e videocreación. A temática, formato e técnica serán libres, mantendo sempre o respecto polo espazo e polos outros artistas.
Espazos públicos de visibilidade
“Espazos públicos de visibilidade” é unha oferta da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, realizada, dentro do proxecto ENREDARTE a través da Rede Museística, na que os museos integrantes desta Rede (Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza de San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e o Pazo de Tor) ofrecen os seus espazos para a presentación pública de calquera proposta de actividade cultural (teatro, música, danza, presentación de libros, humor, etc.) Esta iniciativa desenvolverase desde o 1 de xullo ao 31 de agosto de 2013.
Diálogos na Rede
“Diálogos na Rede” é tamén outro proxecto incluído dentro da iniciativa ENREDARTE, da Rede Museística da Deputación de Lugo, co que se pretende establecer un diálogo entre os artistas e as pezas ou coleccións dos catro museos que conforman a Rede Museística (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar, Pazo de Tor e Museo Etnográfico de San Paio de Narla). Esta iniciativa, á que pode concorrer calquera autor ou autora, en calquera disciplina artística, estará activa entre o 1 de xuño e o 31 de decembro de 2013. Cada artista ou colectivo artístico elaborará un proxecto, inédito, inspirado nunha peza ou colección concreta dalgún dos catro museos da Rede Museística Provincial, que deberá adecuarse ós espazos expositivos.
O artista seleccionado recibirá unha axuda económica para a súa produción artística, cunha cifra que estará en función do proxecto, pero cun importe mínimo de 300 euros.
Participación e resolución
Os participantes deberán enviar a proposta do proxecto, en formato dixital, xunto co resto da documentación requirida – dossier da obra recente, CV artístico, fotocopia do DNI, enderezo e teléfono de contacto ademais da solicitude e unha breve proposta da obra a realizar-, antes das 14.00 horas do 30 de maio, a: xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org.
A resolución coa relación dos artistas e dos proxectos seleccionados, que deberán ser inéditos, farase pública, o día 10 de xuño, na páxina web do Museo Provincial de Lugo (http://www.museolugo.org) e no blog do Proxecto Enredarte (http://enredarteredemuseistica.wordpress.com/). Ós artistas seleccionados seralles notificada a dita resolución por teléfono e/ou correo electrónico.