A Deputación de Lugo, a través do Centro de Innovación Social In Lugo, organizou 2 seminarios gratuítos sobre marketing dixital dirixidos a traballadores en activo e desempregados da provincia co fin de amosarlles como aproveitar as posibilidades que ofrece este tipo ferramenta TIC para impulsar a actividade dunha PEME ou atopar traballo. O In Lugo impartirá deste xeito un curso on line con 50 prazas para profesionais entre o vindeiro 10 de xuño e o 30 de agosto, e outro semipresencial con 25 prazas para lucenses no paro, que terá lugar entre os días 2 de setembro e 8 de outubro. Neste último caso, as clases presenciais terán lugar na sede do Centro de Innovación Social, no mesmo edificio da Escola de Imaxe e Son (EIS), situado na rúa Frei Prácido Rei Lemos.
Os interesados poden inscribirse xa en calquera das dúas accións formativas accedendo á web provincial www.deputacionlugo.org Nesta mesma web, ou ben no número de teléfono 982-22-51-86 ou no correo inlugo@deputacionlugo.org, poden encontrar toda a información ó respecto. As 75 prazas -50 para a modalidade on line e 25 para a semipresencial- cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Trátase de 2 seminarios de nivel de iniciación con 150 horas lectivas cada un, que levan por título Marketing de contidos dixitais na era das TIC e están financiados nun 80% pola Unión Europea a través do programa Innova-TE. O Centro de Innovación Social proporcionaralles o material didáctico necesario ós alumnos, que contarán con titorización e axuda durante todo o curso.
As ferramentas e estratexias de marketing dixital que se amosarán nos cursos teñen dous obxectivos fundamentais: por un lado, mellorar a competitividade das empresas, ampliar mercados, fidelizar clientes e aforrar custes, o que contribúe a aumentar o volume de beneficios; e por outro, sacarlles o máximo partido para mellorar o currículo e as posibilidades de inserción laboral. Algúns dos contidos do temario son as campañas on line, blogs e microblogs, a importancia da fidelización on line, a marca no marketing dixital, a eficacia da creatividade fronte á crise, novas estratexias creativas na rede ou a web como tenda 24 horas. Ademais de contidos teóricos, os asistentes coñecerán experiencias reais de éxito, e como elaborar un plan de marketing dixital e poñer en marcha as súas distintas fases.
Un milleiro de participantes en 2012
Con estas novas accións formativas, o Centro de Innovación Social continúa coa súa intensa labor encamiñada a eliminala fenda dixital na provincia, favorecelo equilibrio territorial e aproveitar as TIC para impulsar o desenvolvemento socioeconómico.
Preto de 1.100 veciños e empresas da provincia participaron o pasado ano nas accións formativas, todas gratuítas, organizadas polo In Lugo. Houbo obradoiros e xornadas, eminentemente prácticas, en 22 Concellos da provincia, encamiñadas a mostrar ós lucenses como sacarlle o máximo partido ás TIC na súa vida persoal e laboral, ademais de impulsar o tecido empresarial para manter e xerar emprego. O uso de buscadores web, o comercio electrónico, a formación en community manager, a creación de blogs e páxinas web, e o deseño de campañas de marketing on line foron as xornadas que tiveron unha maior aceptación.