Santiago, 3 de abril de 2013.- O voto favorable do Grupo Popular permitiu esta mañá a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia, como administración que ten as competencias absolutas, a proceder de inmediato á instalación de luminarias no adarve da Muralla de Lugo, así como a solicitar do Concello de Lugo a súa implicación na vixilancia e na garantía da súa seguridade.
O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, salientou que “todos coincidimos no feito de que a Muralla de Lugo é unha das xoias máis prezadas do patrimonio histórico e cultural de e Galicia, polo que todos os esforzos que se fagan por mellorala e garantir a súa conservación son necesarios e están plenamente xustificados”.
MÁXIMA AXILIDADE
Neste sentido, Baamonde indicou que “a iluminación da Muralla é un tema que debe ser resolto coma máxima axilidade, tanto pola súa condición de patrimonio da humanidade como para reparar os efectos dos actos vandálicos provocados neste ben cultural” e apuntou que “a Xunta xa está a traballar nun proxecto para a nova iluminación da Muralla, no que se toman en consideración criterios de maior durabilidade e resistencia, prevención para o roubo, eficiencia enerxética e menor custo de mantemento”.
“A culpa téñena os vándalos, que non son capaces de respectar o que representa a Muralla non só para Lugo senón para toda Galicia”, subliñou o portavoz popular, quen recordou que “a labor de vixilancia correspóndelle ao Concello de Lugo, polo que é necesario solicitar a súa implicación para garantir a seguridade neste monumento”.