No acto de entrega estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Educación, Pilar Armada xunto aos directores dos centros receptores destas subvencións municipais sufragadas ao cen por cen con fondos do Concello. A través destas axudas, os colexios e o instituto poderán afrontar gastos derivados de actividades educativas, culturais, recreativas ou doutro tipo dirixidas a completar e complementar a actividade académica. Ademais, tamén se poden subvencionar gastos de funcionamento e mantemento. “Unhas actuacións todas elas dirixidas a mellorar a calidade do ensino e o benestar do alumnado” explica Armada.
Neste sentido, cabe lembrar que hai unhas semanas o Concello entregou outros preto de 4.000 euros ás ANPAS dos centros de ensino de Cervo de xeito que en total, este ano, entregáronse preto de 8.000 euros ás entidades educativas cervenses. Ao mesmo tempo, nos últimos meses Educación ten concedido outras axudas dirixidas a colaborar con todos os colectivos e persoas implicadas no eido educativo, outorgando subvencións para o material escolar e libros ou para o transporte “e deste xeito contribuír tamén coas familias”, engade a edil.