Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo renova a súa dirección

Dentro do proceso de renovación de responsabilidades internas que segue a cada Asemblea Nacional do BNG, a Asemblea Local do BNG de Ribadeo vén de proceder á escolla da súa nova dirección.

A principal novidade radica na elección de Marcos Loureiro, profesor no ensino medio, como novo responsábel local, substituíndo deste xeito a Xavier Campos, concelleiro de Mocidade e Sociedade da Información do Concello de Ribadeo, que viña exercendo esa responsabilidade nos últimos tempos. A escolla produciuse por unanimidade dos presentes na Asemblea Local. Xunto a el pasa a ocupar a viceresponsabilidade local Vanessa Yanes.

A elección de Loureiro e Yanes permitirá manter a coordinación na información e no traballo entre o conxunto da militancia nacionalista de Ribadeo e a mocidade, sector onde ambos viñan traballando activamente.

Loureiro sinalou a súa vontade de “continuar co bo facer das persoas que o antecederon na responsabilidade” ao tempo que explicou o seu convencemento de que “máis que nunca é o tempo da política, da participación e da implicación dos cidadáns na transformación dunha realidade que é preciso cambiar”. Deste xeito, anunciou que “desde o BNG de Ribadeo pretendemos que as nosas asembleas locais estean abertas á nosa base simpatizante e, tamén, a todas aquelas persoas que forman parte activa dunha maioría inqueda e transformadora coa que queremos compartir o noso proxecto”.

O recen electo responsábel local engadiu tamén que o BNG márcase como obxectivo traballar “na procura da xustiza social fronte á ditadura dos mercados, que están a impoñer medidas extremadamente duras e inxustas para o conxunto das maiorías sociais a través da acción de gobernos como os do Partido Popular na Xunta e no Estado”.

No que atinxe á política local, sinalou a vontade do BNG de Ribadeo de manter a súa liña de “diálogo constante con todos os movementos sociais e políticos, a proximidade á veciñanza como norma xeral e seguir atendendo, como até o de agora, as múltiples problemáticas da mocidade”.

Exit mobile version