Barreiros, 17 de abril de 2013. O alcalde, Alfonso Fuente, visitou hoxe o local social de San Xusto de Cabarcos, onde o Concello está a realizar diversas obras.
O rexedor explicou que “hoxe visitamos o local de San Xusto de Cabarcos, onde pouco a pouco se foi habilitando alí un centro social e representativo, tal e como eu me comprometera cos veciños no seu día, e que lles servira como lugar de reunión. Fomos facendo nesta obra, cubriuse o local que xa está practicamente en uso, xa que xa se fixeron alí varias representacións teatrais e tamén varias comidas por parte dos veciños, algo que lles aforrou gastos de carpas, etc”.
Fuente Parga indicou que “agora seguindo nese traballo imos pechar unha zona que está cunhas táboas, imos poñer unha cristaleira e así seguir mellorando nas parroquias estes centros, tal e como está a ocorrer en San Miguel de Reinante cos colexios vellos. Pouco a pouco e dentro das posibilidades que temos hoxe en día hai que seguir adiante traballando polas parroquias”.
O alcalde de Barreiros subliñou que “o máis urxente no local de San Xusto é pechar a parte alta entre os muros e o teito, colocar unha cristaleira, porque cando se fixo algunha comida no inverno facía frío, e con esta obra iso evitarase”.