O sábado pasado reuniuse a Executiva de Compromiso por Galicia cuns 80 militantes e simpatizantes da provincia de Lugo para asentar definitivamente as bases da organización cidadá na provincia.
Segungo Iván Marrube, portavoz na Mariña: “Compromiso por Galicia e unha organización integrada maioritariamente por sociedade civil, por persoas comprometidas socialmente, cun gran interese en traballar polo interese xeral e o ben común. Como ferramenta para canalizar o traballo dos cidadáns dispostos a implicarse na xestión das institucións publicas e poñelas o servizo real da sociedade”.
A organización galeguista está constituíndo agrupacións locais. Neste senso, “Somos unha organización cunha clara vocación social, polo que o municipalismo xoga un rol moi importante no seu traballo, xa que os concellos son as institucións máis cercanas os cidadáns e nas que poden influír máis directamente, polo que estamos fomentando a creación de grupos de traballo en diferentes concellos da provincia, alí onde atopamos cidadáns interesados en facer aportacións en positivo a favor de mellorar a sociedade e as institucións que a gobernan”.
“Para participar e decidir nesta organización non son precisos carnets nin afiliacións, tan só ganas de traballaren favor da sociedade para mellorar as cousas”.
“Dende esta organización animamos a todas as persoas que non estean de acordo coa realidade que nos está tocando vivir e teñan gana de traballar por cambiala, a participar nesta organización para facer as súas contribucións, somos unha organización na que prima o interese xeral sobre preceptos ideolóxicos, na que o importante non son conceptos como esquerda ou dereita senón o ben común”.