Cervo, 3 de abril de 2013-A Concellería de Educación que dirixe Pilar Armada vén de entregar os cheques correspondentes ás axudas ás ANPAS dos centros educativos de Cervo. Trátase dunha subvención que concede o Concello, financiada con fondos integramente municipais, da que se beneficiaron as asociacións de pais e nais dos dous colexios de primaria e do instituto de secundaria do municipio. En total, o Concello repartiu uns 4.000 euros de xeito que cada entidade recibiu 1.250 euros de axuda.
Unha subvención que está dirixida a colaborar cos gastos derivados de actividades educativas, recreativas, culturais ou doutro tipo, sempre que redunden en beneficio da comunidade escolar, aínda que tamén se poden subvencionar gastos xerais de funcionamento, conservación, mantemento e reparacións menores que non sexa investimentos.
Esta liña de axudas é unha das varias que ten activas o Concello para os distintos colectivos implicados na educación dos cervenses. Con esta subvención ás ANPAS en concreto “o noso obxectivo é contribuír coas entidades educativas, dinamizando o ensino e fomentando a súa actividade”. Armada explica que ademais “temos concedido axudas ao transporte e a libros e material escolar “de forma que tamén apoiamos ás familias que o precisan para afrontar con máis facilidade os gastos educativos”.
A edil engade que “a educación é un piar estratéxico da nosa sociedade e polo tanto, unha prioridade para este Concello”. Por iso, “imos seguir apostando por ela, axudando e contribuíndo con fondos municipais” remata Armada.